«Actuar en Pardiñas representa para min unha emoción especial»

LUGO

Entrevista | Verónica Codesal

04 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

Verónica Codesal percorre estes días Galicia. A súa viaxe explícase polo seu traballo -é a cantante do grupo Ialma-, pero tamén ten unha pequena dose de lecer, xa que descobre lugares que lle producen unha sensación agradable. Catro das rapazas do grupo son fillas de galegos que emigraron a Bélxica, e outra naceu en Galicia e desprazouse logo a ese país. Verónica Codesal, con pais oriundos da parroquia guitiricense de Pedrafita, comenta que as raíces galegas están moi presentes no grupo, que hoxe actúa no festival de Pardiñas e ao que de nena ía con xente da súa familia. O grupo comezou as actuacións en Baiona e remátaas en Cambre o xoves. -Supoño que lles falaría de Pardiñas ás compañeiras. ¿Que lles dixo? -Díxenlles que era un lugar moi fermoso. O festival é familiar e ten un ambiente impresionante. -¿Que sente vostede ao volver agora, como artista incluída no programa, a un lugar que lle trae ledas lembranzas da nenez? -Para min representa unha emoción especial. De xeito, ao principio da xira non sabiamos todos os sitios onde se ía tocar, e facelo en Pardiñas é algo emocionante. -¿Como se resiste unha xira deste tipo, con concertos diarios? (Antonte actuaron en Foz e onte ían a Ribadavia). -Tiñanos ganas de saír en Foz, pero hai que coidar a voz. Cinco concertos, con hora e media cada un, gastan. Reservámonos para o final: creo que teremos unha festa grande. Encántame Galicia: estar aquí é para min como un agasallo. -¿Séntense ben recibidas polo público? -Recíbennos ben, sobre todo porque somos fillas de emigrantes. A xente pregúntanos que facemos para conservar a cultura. Nós dicimos que falar galego é para nós como comer todos os días. Falamos galego entre nós, e as nosas casas son Galicia. Alí somos as galegas, e aquí as belgas, pero levámolo ben.