«Materiais coma o ferro lévante dereitamente á xeometría»

Benigno Lázare LUGO

LUGO

ÓSCAR CELA

Entrevista | Caxigueiro Non renega do aprendido nas aulas pero nos obradoiros de Sargadelos coñeceu a ceramistas excepcionais. Tampouco deixou de formarse pola súa conta

25 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A diferenza de Artiaga e Mauro Leivas, ambos tamén mindonienses, compañeiros de nenez e artistas que xa daquela querían pintar, nos seus primeiros anos Caxigueiro non tiña moi claro que quería ser, xa que para cantar, a súa gran afición, era demasiado tímido. -¿Por que antes non se levaba ben coa xeometría sendo escultor? -Porque nunca fixen obras que tivesen características xeométricas ata esta da mostra. Traballo frecuentemente con arxila que, como é facil de manipular, hai posibilidade de sacarlle máis partido, pero cando se traballa con materiais menos versátiles coma o ferro, lévante dereitamente á xeometría. Cada material xa invita a ir por un vieiro. -A xulgar polas súas actuacións, parece dos que consideran que a estética por si soa non xustifica unha obra de arte. ¿Tamén é ética ou compromiso social? -Hai un pouco de todo. Cada artista ten que reflexionar e facer unha obra que responda ao que realmente sinte, se é sincero. A min motívanme as cousas que me preocupan e que nos preocupan a todos en xeral, como a guerra ou a contaminación. Unha obra, unha vez que se amosa deixa de ser privada e ten unha certa capacidade de provocar reflexións. -Acabar cos problemas do mundo a través das manifestacións artísticas sempre foi unha teima. Sen embargo, a brecha entre ricos e pobres aumenta e neste país nin sequera se conseguiu por fin a unha ditadura. ¿Está cuestionada a función redentora da cultura? -Non creo que a arte teña por si soa capacidade de mudar actitudes sociais; agora ben, o que si creo que somos un grao máis na sociedade, e dende o momento en que os artistas se posicionan, sobre todo se son progresistas como é o caso da maioría de nós, penso que é unha axuda, ademáis necesaria. -Di que normalmente os artistas son progresistas. ¿Por que esa orientación política é a predominante entre vostedes? -Dentro das artes plásticas é certo que hai de todo, pero quizá teña que ver con que o artista fai o seu traballo en soedade e necesita dunha reflexión que o pon máis en contacto coas preguntas e respostas. É posible que esa facilidade para facerse preguntas axude máis que noutros colectivos nos que se traballa oito horas cun gran esforzo físico que non propicia a meditación. -En «Amurallando a sombra dos soños» rescata gravadas en lousas de cerámica palabras do galego casi extinguidas ou a piques de extinguirse. ¿A Real Academia Galega non o dá feito ou non o fai coa suficiente eficacia? -Penso que é a sociedade galega a que non está a respostar. O que plantexo aí é unha realidade. Moitas desas son palabras que recordamos de pequenos Antonio Reigosa, que tamén é de Mondoñedo, e eu. Agora xa non se usan e algunhas posiblemente xa desapareceron. O abandono é xeneralizado por parte da sociedade, que prescinde cunha facilidade pasmosa do uso de palabras que forman parte de un mesmo e das nosas familias, porque foron aprendidas e vividas cos pais e avós. En resumo, penso que non hai unha resposta eficaz por parte das autoridades competentes. -¿Ao gravar en barro palabras non se están fosilizando e, en consecuencia, non se certifica a súa defunción? -Esa é unha lectura posible, pero outra tamén é a de que quedarán aí para lembrar que existen e que se non se usan, sempre se poderá facer a pregunta de por que deixaron de empregarse. Mentras estean escritas non están esquencidas. -¿Que ausencias repoboan o seu bosque? -As boas intencións de moitas persoas que perderon a vida e a fecilidade, moitas veces por defender ideas que son de todos. -Moitos artistas que viven en ámbitos urbanos din que fan un tipo de arte que o poderían facer en calquera outro lugar. Vivindo en San Martiño (Foz) o primeiro que ve ao levantarse é o bosque. ¿Existe o risco de que a influenza da paixase acabe sendo avasalladora? -O único que vexo son eucaliptos, que non me motivan demasiado. Toda a Mariña é un eucaliptal. -En todo caso, sempre quedará o curso dun regueiro e o trino dos paxaros. -E na miña finca tamén hai árbores de todo tipo menos eucaliptos. Coincido coa maioría dos compañeiros porque todos temos unha formación plástica e recibimos información case ao instante. A arte é evolución. «S/T». Unha das obras que expón na sala da Diputación, en madeira e aceiro, ten a súa orixe no «Mar Exeo», o petroleiro que encallou fronte á Torre de Hércules, onde permaneceu anos.