TRIBUNA MARÍA CUADRADO | O |
23 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.EMPEZO a dubidar da sabiduría da terra. O temporal non pode premiar a uns con impresoras e tecnoloxía punta, que lles leva ata as praias máis virxes da Costa da Morte, e aquí, nesta ribeira do Miño non deixarnos máis que asolagamentos e neve que nos impide comer pan fresco e ler o correo do día. Quero manter firme a miña crenza e, de repente, recapacito. Só me fan falta uns segundos para dubidar e para lembrar que por máis que se desborde o río e a neve chegue ao pé de porta, será difícil que as consecuencias igualen o número de vítimas que deixa o mar. Reflexiono outra vez. E nesta ocasión só penso nas potencialidades do interior dunha provincia sempre ligada ao sector que converteu a Galicia nun referente estatal. Lideramos producións de leite e carne de vacún, temos universidades e equipos de investigación, coñecementos para asegurar a rotación de cultivos e terra, moita terra, máis da que actualmente somos capaces de aproveitar. O agro lucense dá xogo e a iniciativa da cooperativa palense Milhulloa de comercializar grelo deshidratado na capital do Estado non é máis que o primeiro dunha serie na que todos debemos ser guionistas. Ideas non faltarán, pero sempre que os apoios cheguen a tempo e non ocorra coma tantos pavillóns que se construiron cando os nenos xa se converteran en pais de familia sen tempo para botar un partido de futbito. É hora de vincular o futuro desta provincia ao da Galicia Atlántica; de mirar á Galicia acostumada aos temporais, ao Prestige e aos naufraxios, en fin, de mirar adiante.