Minipisos e minivivendas

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

NO OUTEIRO | O |

17 ene 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

A MINISTRA de Vivenda, María Antonia Trujillo, xa non está soa. Se ben ela ha pasar á historia política de España seguramente como a ministra dos minipisos, poida que a conselleira Tareixa Táboas acabe sendo a das minivivendas. Pois segundo se argumenta, estas que se propoñen acó no país (de 40 a 45 metros) son aptas para iso, para vivir e mesmo «recibir a uns amigos e invitalos a xantar», declarou a conselleira. Do cal se deduce que aqueloutras ofrecidas dende o Goberno central nin sequera permitían as relacións sociais. Que ao mellor, dado que se falaba de tan só 25 a 30 metros cadrados, favorecerían as sexuais, vaia vostede a saber. Porque tamén niso, se nos fiáramos dunha marca de preservativos, tampouco imos dos máis lanzados. En fin, volvendo aos comentarios da mentada conselleira, está ben que os políticos pensen nesas cousiñas, que non son precisamente miúdas. Agora ben, ¿rematará esta nova proposta coa situación actual? Teñamos en conta que foi Galicia un dos lugares do Estado onde máis aumentou o prezo medio da vivenda nova perante o ano pasado, malia que os prezos en Lugo quedaron por baixo da media. Aquí, non obstante, alcanzáronse os 1.268 euros por metro cadrado. Aí é nada para as horas que se traballan e os salarios que temos. Pois, novamente, segundo se vén de coñecer, os españois imos no furgón de cola dentro da UE no que á relación esa se refire. ¡Non digamos se nos dera por esfaragullar máis as cifras! Semella que un 27% da poboación española vive soa. E polo visto alguén ten a seguranza de que a esa xente sóbralle o espazo. Así que para qué pagalo, xustifican. Pregunto eu onde diaño van vivir os que teñan que coidar dos maiores de 65 anos, por exemplo. Ou a ver por que demo os maiores de 35 anos non van poder acceder nunca a ningunha axuda.