«Ser da Terra Chá dá carácter aberto e amplitude de miras»

LUGO

Entrevista | Félix Villares

08 nov 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

Félix Villares, reitor do Seminario de Mondoñedo e vicario xeral da diocese, é da Terra Chá, e iso reflíctese no seu recente libro, San Martiño de Belesar: memoria e futuro . Esa parroquia vilalbesa non só está presente no título: cruceiros e fontes, adiviñas e lendas, casas e oficios aparecen nas páxinas da obra. -Non é igual nacer nun val que nacer na Terra Chá, que ten uns horizontes máis amplos, nin é igual vivir nunha cidade ca nunha aldea. Se ti es dun sitio, iso vaite marcar toda a vida, aínda que hoxe menos, porque hai un maior intercambio dunhas zonas con outras. -¿Son moi fortes, xa que logo, os seus vencellos coa Terra Chá? -Os vencellos máis fondos están aí. O galego que está no libro é o galego da Terra Chá. Manuel María xa dicía que nacer na Terra Chá imprime carácter, e eu creo que, queiras ou non, dáche ese carácter aberto e unha amplitude de miras. E iso está condicionado pola paisaxe. -¿Ten a xente da Terra Chá unha relación máis fonda coa terra? ¿É unha relación diferente á que pode haber, por exemplo, na xente da Mariña ou de Ortegal? -O vencello co sitio no que naces telo sempre. Iso condiciónate, e é normal que sexa así. A relación, creo eu, é igual na Terra Chá ca noutras zonas. -Pero na Terra Chá naceron poetas (Crecente Vega, Díaz Castro, Iglesia Alvariño) nos que a presenza da paisaxe é moi fonda. -Moitos dos que estudaron no Seminario de Mondoñedo teñen eses trazos. Por exemplo, estou pensando nun poema de Díaz Castro, Esmeralda , que está dedicado a unha herba e que é dunha fondura enorme. ¿Que haxa unha razón especial? Xa non o sei, pero todos eles non só foron poetas paisaxistas senón máis ben, usando un termo de hoxe, ecoloxistas. O que eles fan é un canto á natureza. -¿É idílica ou realista esa relación coa terra? No libro cítase un verso de Manuel María que fala do pan regado con sangue e con suor. -O que eu quero dicir é que ese poema non ten hoxe o efecto que tiña cando foi escrito. A maneira de vivir nas zonas rurais cambiou moito nos últimos 20 ou 30 anos. O labrego xa non ten que traballar de sol a sol. -¿E o futuro? -O futuro constrúese partindo do pasado, non renunciando ao pasado. Reivindico cousas como o patrimonio como algo que debe vivir.