NO OUTEIRO | O |
18 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.FRAGA pídelle á cidadanía galega que se bote ás rúas para protestar polo que el considera un roubo. «Estannos roubando o que era noso», pronunciou. ¿É así? Obviemos que a frase ten rafa dabondo como para encher unha boa cunca de leite; se é da que se recolle na provincia, mellor. Quedemos só no sentido que lle supoñemos quixo dar Fraga ás súas palabras, referíndose aos tramos da liña do AVE Santiago-Ourense que Fomento paralizou. O problema agora semella estar no tramo que atravesaría a mina de Villar Mir. A ministra -desfacendo- alega un novo estudo. E Xosé Blanco pregunta por qué Fraga quere manter o trazado por unha mina que lle custaría 900 millóns de euros ao Estado. En todo caso, ¿cantas verdades hai? Aínda así, Fraga espera que axiña «comecen as manifestacións populares». Todo un mandato que a dicir verdade nunca pensei escoitar en boca do presidente da Xunta. A dereita claro que pode chamar a esta ou a calquera manifestación. Sorprende, non obstante, logo de canto se dixo dos manifestantes que protestaban pola mala xestión (inicial) da catástrofe do Prestige. Pero todos temos dereito a mudar de opinión, incluso Fraga.