Un buraco, a Baralla

CARLOS VÁZQUEZ

LUGO

TRIBUNA | O |

20 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

UN BURACO, o afundimento do firme nun treito da autovía A-6 (A Coruña-Madrid) está provocando que Baralla reciba tantos vehículos como antano. Á xente faille novidade e non son poucos os que por un intre senten coma se esta pequena localidade lucense emerxera e gañara vida. Xa se sabe que nos sitios pequenos calquera alteración convértese nun acontecemento. Inda que o suceso en si non estea a supoñer beneficios para a zona. E para mostra o que dicía un señor maior, que declaraba diante da gasolineira que malia que había gran densidade de tráfico, a xente non paraba. «Todos van de pasada», sentenciou. O seguinte paso había ser preguntarse o porqué. Por qué o volume de tráfico da autovía do Noroeste non redunda en beneficios para localidades como Becerreá, Baralla, Guitiriz, Rábade ou Begonte, por nomear algunhas. Talvez sexa este o momento de preguntar qué fixeron os responsables políticos deses concellos para facer máis atractiva a súa zona ao quedaren ao marxe da autovía. E tamén, qué poderían facer os empresarios, agrupacións culturais, deportivas, gastronómicas, asociacións de mulleres, etc. Vemos que hai máis buratos que un.