Dámaso López: «A política parécese á medicina»

El exsenador lucense despídese da súa terceira lexislatura no Senado, pero non se dá por retirado


monforte / la voz

Natural de Taboada e veciño de Monforte desde 1976, Dámaso López Rodríguez acaba de deixar atrás a súa terceira lexislatura como senador por Lugo do Partido Popular. Non se presentará ás próximas eleccións, pero precisa que por agora non ten previsto abandonar a política. «Sigo totalmente a disposición do meu partido, que mo deu todo e ao que intentei darlle o mellor de min», afirma. Se a política ten importancia para el, non a ten menos a medicina. «A miña profesión para min é fundamental e estou moi contento de que a miña filla seguise os meus pasos nese terreo», asegura.

-¿Que impresión lle deixa a lexislatura que acaba de terminar?

-Foi un período moi axitado, con todo o que estivo sucedendo ultimamente. Nos últimos anos estivemos vendo moitas cousas que non se viran antes, como a abdicación do Rei, unha lexislatura falida, o intento de secesión de Cataluña e aplicación do artigo 155 da Constitución por primeira vez na historia...

-¿Ve moita diferenza entre o ambiente do Senado e o do Parlamento autonómico?

-No Parlamento galego, como no Congreso, o ambiente é normalmente bastante máis crispado. No Senado as cousas son moi diferentes porque é como unha cámara de segunda lectura, pódese dicir que unha cámara de enfriamento, e non hai uns debates tan tensos como nas outras cámaras. Non fun deputado no Congreso, pero coñézoo ben porque formei parte da comisión de control de RTVE, na que participan as dúas cámaras.

-¿E con respecto aos concellos?

-A actividade nos concellos é algo totalmente diferente, porque o trato con todo o mundo é moitísimo máis próximo. Os demais membros da corporación son os teus veciños e amigos, e hai un contacto moi estreito coa cidadanía. Estiven na comisión de peticións do Senado e alí tamén hai moito contacto coa xente porque chegan peticións de todo tipo e de todas as partes de España, pero o trato cos cidadáns non é nin moito menos tan directo e físico como nos concellos. Pero creo que a experiencia que se adquire nun concello é moi útil para traballar despois no Parlamento, no Senado ou no Congreso, e tamén ao contrario.

-¿Que lle parece que cuestione a utilidade do Senado?

-Non estou de acordo, porque penso que fai un labor moi necesario. No Senado retócanse os proxectos de lei que veñen aprobados do Congreso, dáselles un xeito distinto e en moitos casos mellóranse. E na comisión de peticións aténdense e axúdanse a resolver moitos problemas concretos que teñen os cidadáns.

-¿Que opinión ten acerca do uso das linguas cooficiais no Senado, que provocou tantas polémicas?

-Eu sempre falo galego e utiliceino constantemente como concelleiro e como deputado autonómico, así que non teño nada en contra do recoñecemento e do uso dos idiomas cooficiais. Paréceme unha riqueza que en España teñamos varias linguas diferentes do castelán. No Senado hai un sistema de tradución para os que queren usar outros idiomas oficiais e non ten que haber problemas por ese motivo.

-¿Ve algunha semellanza entre a política e a medicina?

-Para min parécense moito. A medicina e a política teñen en común o feito de que a xente non vén buscar a un para resolverlle os problemas, senón para llos resolvas a eles. E son dúas maneira de prestar un servizo útil a todos os cidadáns.

Orixe. Naceu na vila de Taboada en 1951

Formación. Terminou a carreira de medicina en 1975 e é médico de familia desde 1982

Cargos. Foi portavoz municipal do PP, deputado autonómico, senador, director provincial do Sergas e delegado provincial de Sanidade

«O ambiente no Parlamento galego e no Congreso é algo bastante máis crispado»

«Nos concellos o trato cos cidadáns

e cos compañeiros

é moito máis físico e máis directo»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

Dámaso López: «A política parécese á medicina»