As descomunais troitas de antano

Rodrigo Fernández
roi fernández CHANTADA / LA VOZ

TABOADA

ARCHIVO ROI FERNÁNDEZ

Reparto ás principais capturas das últimas década nos ríos troiteiros do sur de Lugo

04 may 2014 . Actualizado a las 07:05 h.

Calquera afeccionado á pesca da troita con vinte ou trinta anos de experiencia, estará de acordo en que xa ten pasado no río tempos mellores que os destes últimos anos. Disto é testemuña esta escolma de fotografías de grandes troitas das terras de Chantada, O Saviñao, Monforte e Ribas do Sil cos seus correnpondentes pescadores.  

Nesta época do ano estamos en plena tempada de pesca e os ríos do sur da provincia de Lugo levan bo caudal. As concas do Sil, SelmoSoldónQuiroga, o Lor co Lóuzara, e o Cabe co Mao, aínda zugan dos cumios do Courel as abundantes neves deste inverno. Os da marxe dereita do Miño -o Enviande, Lama, Asma e Búbal- aprovéitanse da xa derretida nas serras do Faro e a Martiñá. E o Loio, Pez e Sardiñeira, afluentes do Miño pola marxe esquerda nútrense de xenerosos acuíferos das terras de Paradela e do Saviñao.

Non é de estrañar que nestas terras xurdisen auténticos mestres da complicada disciplina da pesca da troita (Salmo trutta) con cana. Trátase dunha actividade que aínda require hoxe de moito máis teimosía e destreza que antes, pois o número de exemplares acusa un notorio descenso. Para algúns expertos, este problema non se debe a unha soa causa senón a diversos factores, como a contaminación dun medio que ademais leva menos caudal que hai anos, un cambio de clima ou unha alteración nos xenes do peixe pola introdución dun patrón centroeuropeo co fin de repoboar.

No que si coinciden todos os pescadores é na baixa das capturas e no seu tamaño. Para falar de troitas moi grandes, de catro quilos en diante, hai que remontarse décadas para lembralas. Pódese facer repasando os álbumes de Antonio Vidal, que fotografou a Mateo Álvarez Martínez cun gran exemplar en Ribas do Sil; o do pescador de Monforte Carlos Dobaño cunha troita de máis de catro quilos no Lor; o de José Taboada, O Paradela de Belesar, pescador de culleiriña nese tramo do Miño; a foto de Agustín Fernández de San Fiz sacando magníficas troitas no recén construído encoro de Belesar; o troitón disecado que chegou aos nove quilos e medio de Lorenzo Seijas; ou o que se lle escapou a Roberto de Chantada e que logo, o finado gardarríos Mario Fernández e o pescador Manolo Gómez conseguiron sacar das augas do Miño na zona da Cova no Saviñao, dando na balanza dez quilos, converténdose no récord deste tramo do Miño.

Capturas desas dimensións son hoxe moito menos frecuentes, pero non imposibles. Aínda a veces aparece algunha como a que pescou hai poucos anos o chantadino Alberto Fafián na paraxe de Toalde, no río Miño.

Deixando claro que entre pescadores sempre houbo polémica sobre pesos e medidas cando non hai testemuñas -e incluso habéndoas-, tamén cabe apuntar dúbidas na autoría da captura dalgún exemplar de excepción.

Unha vella fotografía en branco e negro na que Sindo Figueiras sostén na vila de Chantada un exemplar capturado no Miño e que pesou, segundo diferentes testemuñas, sete quilos e medio e medía un metro e cinco centímetros de longo, foi publicada hai un tempo neste diario. Sindo atribuíuse a autoría da pesca e así llo contou a quen escribe, pero non tardou moito Mariano Cedrón en pararme para decir que fóra el quen a collera na desembocadura do río Asma.

Do mesmo xeito, outro pescador chantadino, Jesús Gómez, contoume que o que sacou tal exemplar fora Luis Coello. Achegou como proba un burato que mal se vía na foto e que atribuía a un tiro de pistola cando xa estaba perto da beira. Nos anos corenta era habitual para moitos levar unha arma curta ao río.