O lume esmorecente e a tatexante lus do candil que debuxa sombras chinesas na cantería da torre do Courel, a pingona néboa luguesa agrisada pola raiola escuchimizada da farola, as serras de Quiroga ou as noites de invernía nas que zoa o vento e oubean os lobos constitúen a atmósfera da narrativa foleana. Os personaxes de Fole describen, con palabras recollidas «nos seus niños, nos seus propios sonoros contextos», os escenarios paisaxísticos e humanos nos que se moven. Asemade, como advirte o profesor Rodríguez Fer, eses mesmos personaxes abren cos seus relatos a carón da lareira e da xerra de viño as comportas do trasmundo, a realidade máxica dunha terra ateigada de vivencias misteriosas, crenzas míticas e vellas supersticións. Terra brava, obra amasada na artesa do Incio, é un libro de fantasmas, de premonicións, de crimes e de difuntos. Ó mergullarse na alma colectiva, Fole descobre o realismo máxico. Mais, como asegura Domingo García-Sabell, o seu primeiro prologuista, Terra brava non é un libro tremebundista. E non o é, ó meu parecer, por dúas razóns. En primeiro lugar, polas barreiras que o autor establece entre o lector e as historias desacougantes que nel se contan. O arrepío sempre chega ó lector de segunda ou de terceira man. Ó narrador -o mozo Gasparo- non lle ocorre nada de particular. Hai que mergullarse no cartafol cheo de contos que escribiu o seu padriño, o médico Don Gasparo, para atravesar as fronteiras do trasmundo. E aínda así, como nas bonecas rusas, atopamos contos dentro deses contos, estarricando a distancia que nos arreda do medo e pondo unha miga de tranquilidade no aqueloutrado espírito. En segundo lugar, polo humor que burbulla en toda a obra de Fole, coma unha brisa de tenue ironía, salferida por humorísticas anécdotas.