Nelson Leite, escritor: «Para escribir a miña novela 'Solpor' inspireime en parte en Monforte»

MONFORTE DE LEMOS

Nelson Leite traballa como profesor de música no colexio A Gándara
Nelson Leite traballa como profesor de música no colexio A Gándara CEDIDA

Leite presentará este venres o seu primeiro libro, do xénero fantástico

26 ene 2024 . Actualizado a las 10:25 h.

Nelson Leite (Monforte, 1986), que traballa desde hai tres anos como profesor de música no colexio público A Gándara, acaba de editar a súa primeira novela, Solpor. O libro, publicado na editorial Letra Minúscula, presentarase este venres na librería monfortina Agrasar nun acto que comezará ás 20.00 horas. A obra xa está tamén á venda a través de internet, tanto en papel como en formato dixital.

—Como definiría esta obra?

—É unha novela de aventuras de corte fantástico que sucede nun mundo imaxinario creado por min. Nese mundo está a punto de comezar unha guerra entre varios reinos e por ese motivo unha princesa ten que fuxir do seu país. Na súa fuxida coñece a unha xente que doutra maneira non tería chegado a coñecer e así é como comeza a narración. É unha historia épica de aventura, amor, amizade, batallas lendarias, traizóns...

—A editorial presenta o libro dicindo «Onde acaba Xogo de tronos comeza Solpor». Toma como referente as novelas de George R. R. Martin?

—Á editorial pareceulle interesante facer esa referencia, pero os meus modelos neste tipo de literatura son tamén outros autores como poden ser Tolkien ou Patrick Rothfuss. Gústanme moito tamén Anne Rice e Carlos Ruiz Zafón. Non só me inspiro na literatura, porque para min tamén teñen moita importancia as películas e incluso videoxogos como Final Fantasy e outros dese xénero. Para escribir este libro baseeime en varios referentes, sobre todo no cine fantástico, e non só na literatura.

—Para crear o mundo de Solpor inspirouse nalgunha medida no pasado medieval de Monforte?

—Non me inspirei en sucesos históricos concretos, pero no libro hai certos detalles que están inspirados en Monforte, aínda que non dunha forma directa. Por exemplo, unha das cidades que aparecen na novela chámase precisamente así, aínda que é un lugar imaxinario. Para crear este mundo inspireime tamén en parte na paisaxe de Monforte, no castelo de San Vicente do Pino e noutros lugares.

—O seu labor profesional como profesor de música influíu dalgunha forma á hora de escribir o libro?

—Penso que no libro déixanse ver os meus coñecementos neste terreo, como cando aparecen personaxes que tocan instrumentos musicais ou cando falo de tonalidades ou acordes. Ese é un aspecto que creo que está bastante presente na miña novela.

—Publicara antes algunha outra obra literaria?

—Non, antes deste libro escribín varios relatos, pero non os cheguei a publicar. Estiven sempre vinculado ao mundo das artes, sobre todo á música, e tamén estudei produción de cine. Intereseime por escribir despois de facer un curso de literatura, hai dez anos. Desde entón estiven escribindo, pero antes de Solpor nunca publicara ningún outro traballo.

—Despois de dar este paso, ten previsto novos proxectos?

—Quero facer máis cousas, pero escribir Solpor levoume moito tempo e moito esforzo, e agora vou tomar un período de descanso antes de poñerme con outros proxectos. De momento vou presentar este primeiro libro en Monforte e despois espero facelo tamén noutros lugares, talvez Lugo e Ourense. Pero quería presentalo antes de nada en Monforte, porque como na casa en ningún lado.