O bimbastro, un antigo sistema para regar as hortas, recreado en Monforte

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Un bimbastro construído recentemente polos veciños de Cinsa
Un bimbastro construído recentemente polos veciños de Cinsa CEDIDA

Os veciños da aldea de Cinsa construíron un aparello para sacar auga dos pozos seguindo un modelo tradicional

23 sep 2023 . Actualizado a las 10:22 h.

Os veciños de Cinsa —localidade de parroquia de Baamorto, en Monforte — construíron un aparello empregado tradicionalmente para regar as hortas que hoxe está en desuso en case todas partes. Trátase dun bimbastro ou cambón, un artefacto que servía para sacar auga dos pozos e que foi moi utilizado polos veciños de Cinsa. Consiste nun poste bifurcado sobre o que se apoia unha pértega basculante á que se une outro pau —ou tamén unha corda ou unha cadea— , ao cal se ata un cubo. No extremo oposto da pértega cólocase unha pedra para facer de contrapeso.

En Cinsa non se conservaba ningún bimbastro, polo que os veciños que organizan a festa do San Mateo Pequeno decidiron construír un destes aparellos para manter viva a memoria deste antigo sistema de regadío. O xoves, a partir das 11.00 horas, ofrecerase unha demostración do seu funcionamento dentro do programa do festexo, que se celebrará ese día.

A pedra que se utiliza como contrapeso —unha laxe de pizarra cun burato no centro— serviu orixinalmente para este uso e foi encontrada no leito do río Barrantes nun momento en que estaba totalmente seco debido á estiaxe. O poste principal do bimbastro é un tronco de carballo e o pértega e de madeira de amieiro. O pozo no que se efectuará a demostración tamén se utilizou en tempos para regar as hortas mediante este sistema. A actividade servirá así para rememorar os métodos empregados tradicionalmente na agricultura local.

Auga collida do río

A auga dos antigos pozos utilizados para o regadío nas hortas de Cinsa non procedía do subsolo, senón que era desviada do río Barrantes mediante unha serie de pequenas canalizacións. «Pero para facer iso hoxe en día necesitaríase unha licenza da confederación hidrográfica e non sabemos se nos darían permiso», explica Estela Villalda, unha veciña que participa na organización do festexo. «O bimbastro non se vai utilizar para regar as hortas, senón simplemente para facer demostracións deste sistema tradicional e para que a xente recorde como se facía», engade. A auga que se usará na demostración, polo tanto, foi sacada cunha bomba dun pozo de barrena.

Para construír o bimbastro, os organizadores da festa contaron coa colaboración de Alfonso Campos, un veciño de Sober experto en tradicións populares. Neste municipio, ao contrario do que sucede en Cinsa, aínda se conservan catro aparellos deste tipo en condicións de funcionar. Dous deles están na parroquia de Proendos —onde reside Campos— e os outros dous encóntranse respectivamente nas localidades de Cimadevila e Santa Cruz. «Que eu saiba, en todo o municipio de Sober non queda ningún outro», comenta.

Un dos bimbastros que se conservan na parroquia de Proendos, no municipio de Sober, e que aínda se mantén en uso na actualidade
Un dos bimbastros que se conservan na parroquia de Proendos, no municipio de Sober, e que aínda se mantén en uso na actualidade

Campos sinala que aínda que os bimbastros foron moi utilizados en tempos por toda Galicia, na actualidade son moi poucos os lugares onde se conservan. «Estes aparellos son unha solución universal que se utilizou en moitísimos lugares, tanto en Galicia como en Palestina ou Noruega, por exemplo», explica. «Se o bimbastro está ben feito, sacar auga dos pozos con estes aparellos é moi fácil, faise practicamente con dous dedos e case sen esforzo», agrega.

Aos veciños de máis idade de Cinsa, di por outra parte Estela Villalda, «failles moita ilusión ver de novo en funcionamento un bimbastro, porque hai moito tempo que aquí non quedaba ningún, aínda que nesta aldea foi algo moi popular». Na fala local, engade, existía incluso o verbo «bimbar» para designar a acción de regar con auga sacada dos pozos mediante estes artefactos. «A xente non dicía ‘vou regar a horta' senón ‘vou bimbar a horta'», apunta.

Outras actividades

O programa da festa do xoves comprenderá por outra parte unha cata comentada de viños producidos en Baamorto, na que participarán oito viticultores locais. «Con esta iniciativa queremos pór de manifesto que esta parroquia ten unha tradición vitícola moi importante aínda que non forma parte da denominación Ribeira Sacra», di Villalda a este respecto. Ás 15.00 horas haberá un xantar popular. Os interesados en asistir deberán incribirse previamente chamando ao teléfono 666 859 317 e abonar 25 euros. Pola tarde, ás 17.00 e ás 19.00 horas, haberá actuacións musicais e bailes.