Astrid Pérez, investigadora médica: «Chantada estará no mapa da loita contra as bacterias dos hospitais»

Francisco Albo
Francisco Albo CHANTADA / LA VOZ

CHANTADA

Astrid Pérez Gómez, natural de Chantada, traballa no Instituto de Salud Carlos III
Astrid Pérez Gómez, natural de Chantada, traballa no Instituto de Salud Carlos III A. P.

Pérez coordinará neste municipio un congreso científico internacional

02 mar 2026 . Actualizado a las 16:07 h.

Entre os días 4 e 6 de marzo, Chantada acollerá un simposio médico internacional sobre as vacinas contra as bacterias dos hospitais. O encontro forma parte do proxecto europeo Acinetwork, financiado polo programa Marie Sklodowska-Curie Doctoral Network, e será coordinado pola investigadora Astrid Pérez Gómez (Chantada, 1980), que dirixe o laboratorio de infeccións intrahospitalarias do Instituto de Salud Carlos III. Na organización do congreso participa a investigadora italiana Arianna Amenta, xestora do consorcio que impulsa este proxecto.

—Cal é o obxectivo deste encontro?

—O proxecto Acinetwork pretende formar investigadores de alto nivel en Europa e organiza dous congresos anuais en diferentes países. Antes houbo outros en Francia e Italia, e o do ano que vén será en Alemaña. Neste encontro participan investigadores que preparan teses doutorais sobre as novas vacinas fronte á Acinebacter baumanni, unha das bacterias hospitalarias máis preocupantes pola súa elevada resistencia aos antibióticos.

—Non existe aínda ningunha vacina contra esta bacteria?

—De momento non hai ningunha vacina en fase de desenvolvemento preclínico. O índice de prevalencia desta bacteria [proporción da poboación afectada por unha enfermidade] aumentou nos últimos catro ou cinco anos. Hai moitos grupos de investigación en todo o mundo que están buscando alternativas fronte á resistencia destes patóxenos aos antibióticos, pero por agora case non hai opcións terapéuticas.

—De cantos países proceden os investigadores que se reunirán en Chantada?

—No proxecto Acinetwork participan Italia, Francia, Dinamarca e España, e no encontro haberá investigadores de todas estas nacionalidades. Participarán dez que están preparando teses doutorais, pero tamén estarán os directores das súas teses. En total seremos vinte e pico persoas, pero tamén asistirán colegas do Centro Nacional de Microbiología e un investigador de Estados Unidos participará por vía telemática. O programa combinará formación especializada, presentacións científicas e sesións estratéxicas de coordinación.

—É difícil organizar un congreso científico neste municipio?

—Non é tan complicado. É máis difícil organizar un congreso como este en Madrid, porque todo é moito máis caro. As actividades serán no auditorio municipal, grazas á colaboración do Concello, e alugamos por completo o único hotel que hai en Chantada. O máis complicado foi organizar o transporte desde o aeroporto de Santiago, porque moita xente vén doutros países, pero isto solucionouse contratando autobuses. O feito de que todos os participantes se aloxen no mesmo hotel parécenos moi positivo, porque ademais do lado científico dámoslle moita importancia á convivencia. Os participantes poderán falar entre eles e intercambiar ideas nun ambiente relaxado.

—Que suporá para Chantada albergar un encontro deste tipo?

—Como agora tocaba celebrar este congreso en España e eu son moi de Chantada, tiven a idea tola de propoñer que se organizase aquí, pero esa idea encaixou moi ben. Os participantes terán así a posibilidade de coñecer a gastronomía e ás actividades culturais deste municipio. Para Chantada será importante, porque virá xente doutros países de Europa e isto servirá para situala no mapa internacional da investigación fronte á resistencia antimicrobiana, ás bacterias dos hospitais, que é un dos principais desafíos sanitarios globais. Lugares como Chantada tamén poden ser moi adecuados para celebrar congresos científicos, ademais, porque isto axuda a que a cidadanía coñeza mellor o traballo que realizan os investigadores.