Doade, terra de ninguén

Antonio Rodríguez Álvarez

LEMOS

Estatua en Doade alusiva a la tradición vitícola de la parroquia
Estatua en Doade alusiva a la tradición vitícola de la parroquia ROI FERNÁNDEZ

Na época tardo antiga empeza a configurarse na Gallaecia romana a organización territorial da actual Galicia, organización territorial que parece está xa bastante asentada no século VI se habemos de facer caso ao Parrochiale Suevum ou Divisio Teodemiri. Segùn esta fonte histórica, un concilio ao parecer celebrado en Lugo no ano 659 o que é causa de debate entre historiadores, o territorio da antiga Gallaecia alcanzaba ao norte da actual Cantabria, o oeste da actual provincial de León e ao sur as terras do Douro (norte de Portugal) dividíase en trece dióceses e 134 parroquias e pagi (lugares).

Esa embrionaria organización territorial chegou ata nós convertida en máis de trinta mil unidades singulares de poboación, segundo o Nomemclator Nacional, na que a parroquia adquiriu tal arraigamento que o propio Estatuto de Autonomía establece que a organización da comunidade debe de ter en conta a distribución da poboación e as súas formas particulares de convivencia e asentamento, dotando aos poderes autonómicos de competencia exclusiva para establecer o réxime xurídico da parroquia como entidade local propia de Galicia outorgándolle, ademais, no seu art. 40, capacidade para recoñecer personalidade xurídica á mesma.

Desde a Alta Idade Media os home e mulleres sentíronse vinculados á súa parroquia que constituía os seus límites interiores e exteriores. Nace así Vila Donatus, como territorio propiedade dun señor chamado Donato ( Nicandro Ares Vázquez, Estudos de Toponomía Galega), como un espazo idóneo para o cultivo da vide chegando a constituírse en “Coto” que na idade media era un territorio perfectamente delimitado no que un señor, laico ou eclesiástico, tiña xurisdición por concesión do monarca. Así no territorio do coto o señor titular do mesmo exercía poderes públicos, administrativos, xustiza civil e criminal, cobraba impostos e prestacións aos seus moradores e mesmo podía acuñar moeda.

No ano 931 o Coto de Doade foi doado polo Conde D. Nuño Sarracinez e a Condesa Dª Goeva ao Mosteiro de San Vicente, segundo as investigacións realizadas polo historiador monfortino Felipe Aira. Polas súas ricas terras e o seu apreciado viño foi unha propiedade moi cobizada e, polo tanto, motivo de importantes enfrontamentos entre os monxes -onde construiran un priorado, actualmente en ruínas--e os condes de lemos.

O Coto de Doade mantívose como tal, é dicir, con xurisdición propia ata o turbulento século XIX que, tras a división de España nas actuais provincias polo entón ministro Javier de Burgos ?“ese torpe tatuaxe sobre a pel da península, segundo Ortegat e Gasset”--, nese momento á altura de 1833 é cando o territorio do antigo Coto de Doade dividiuse entre dous municipios. Unha parte integrouse no actual municipio de Sober e a outra no municipio de Monforte de Lemos resultando un conglomerado civil-eclesiástico difícil de comprender polos veciños vinculados por lazos familiares, afectivos e relixiosos para os cales o epicentro da súa vida constituíao a Igrexa parroquial.

Resultado de todo iso é a actual demarcación parroquial na periferia de case todo e, por tanto, terra nullius, abandonada e sen os investimentos públicos necesarios para o desenvolvemento agrícola e turístico deste espazo pioneiro na industria enolóxica grazas á iniciativa privada, que o converteu no destino necesario para comprender o alcance histórico do que todos queren sacar partido: a Ribeira Sacra. Proba diso é a decisión unilateral do Presidente do Consistorio monfortino de eliminar a palabra Doade do seu Clube Naútico, o primeiro e máis concorrido de todos os que instalou ?mal que ben-- a Deputación de Lugo.

Moitos fregueses desexan -por ser funcional- unha segregación do municipio de Sober, ao que ven moi distante físicamente e unha integración no de Monforte de Lemos co que históricamente se mantén todo tipo de relacións socio-económicas pola súa proximidade, comunicacións e importancia.