«Dentro de pouco saberase se este ano é admitida a candidatura á Unesco»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Mario Crecente é asesor en cuestións de turismo e patrimonio
Mario Crecente é asesor en cuestións de turismo e patrimonio SANTI GARRIDO

Mario Crecente é un dos expertos que prepararon a solicitude da Ribeira Sacra para ser patrimonio mundial

20 feb 2020 . Actualizado a las 12:18 h.

O arquitecto Mario Crecente Maseda, profesor da Universidade da Coruña e asesor en turismo e patrimonio, é o coordinador das xornadas sobre a paisaxe do Camiño de Inverno que se celebrarán en Chantada entre o 2 e o 6 de marzo, organizadas pola Fundación Juana de Vega co apoio do programa O Teu Xacobeo. Crecente é ademais membro da comisión que preparou a candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade. O seminario abordará tamén os valores paisaxísticos e culturais da Ribeira Sacra e a súa relación co Camiño de Inverno, particularmente no tramo comprendido entre Monforte e Chantada.

-En que situación se encontra hoxe a candidatura da Ribeira Sacra ante a Unesco?

-Como xa se sabe, a documentación relativa a esta candidatura foi entregada en xaneiro ao Ministerio de Cultura, que se encargou de remitila á Unesco. Agora falta por saber se a candidatura da Ribeira Sacra estará ou non entre as que serán admitidas este ano, que é algo que se saberá dentro de pouco tempo, entre este mes e o próximo. Iso dependerá do número total de candidaturas que se presenten en todo o mundo, porque a Unesco ten marcado un máximo de 35 para atender cada ano. Se se presentasen máis candidaturas, algunhas terán que quedar excluídas para que non se supere ese número e polo tanto deberán esperar ata o ano próximo para ser presentadas de novo.

-Que criterio se segue para decidir cales son admitidas?

-Se este ano hai máis de 35 candidaturas, terán prioridade as dos países que non teñen aínda bens culturais que conten con esa categoría ou que teñen moi poucos. As que non serían prioritarias nese caso son as dos países que xa teñen moitos bens declarados como patrimonio da humanidade, como acontece con España, Francia ou China, que están entre os que teñen máis bens recoñecidos en todo o mundo.

-Que posibilidades hai que de que a candidatura da Ribeira Sacra quede excluída este ano?

-Creo que é moi pouco probable que iso suceda, porque as candidaturas que se presentaron á Unesco nos últimos anos non pasaron nunca desa cifra límite, pero temos que esperar a ver cantas se presentan este ano.

-Cando poderán vir os expertos da Unesco a visitar o territorio?

-Se todo vai ben e a candidatura da Ribeira Sacra é admitida este ano, a inspección sobre o terreo podería levarse a cabo entre setembro e outubro. Os técnicos que realizarán ese traballo pertencen ao Comité Internacional de Monumentos e Sitios ou Icomos -en inglés, International Council on Monuments and Sites-, que é o organismo encargado de revisar as candidaturas a patrimonio da humanidade de monumentos e paisaxes culturais. Se se se tratase dun sitio natural, a inspección correría a cargo da Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais ou IUCN. Despois de visitar os territorios candidatos, os expertos do Icomos presentan as súas recomendacións ao Comité do Patrimonio da Humanidade, que é o que decide finalmente se se concede ou non esta categoría. Esa decisión tomarase o próximo ano.

«Se todo vai ben, os técnicos que farán a inspección virán entre setembro e outubro»

«Analizaremos as carencias do Camiño de Inverno en Chantada e no Saviñao»

O prazo para inscribirse no seminario que se impartirá en marzo en Chantada estará aberto ata o próximo día 25.

-Cal é o perfil dos alumnos matriculados neste curso?

-De momento están apuntados historiadores, arquitectos, profesionais do turismo, biólogos... Hai xente que traballa en moitos campos e de diferentes idades, o que é algo moi positivo.

-Que partes do Camiño de Inverno serán analizadas no seminario?

-Serán varios tramos situados nos municipios de Chantada e O Saviñao, para facilitar os desprazamentos dos alumnos nas visitas de campo que se farán a eses lugares. Escollimos catro zonas nas que detectamos diversas carencias que pensamos que se poden mellorar. Serán os propios alumnos os que propoñan unha serie de medidas correctoras que poderán ser aplicadas máis adiante polas administracións públicas ou ben por axentes do sector privado. Os tramos que imos estudar están no entorno do ecomuseo Pazo de Arxeriz, na zona de Belesar, na entrada de Chantada e na área de San Salvador de Asma.

-Haberá máis adiante outras xornadas deste tipo?

-Iso dependerá da Fundación Juana de Vega e dos apoios que se poidan conseguir. Pero sería moi interesante aplicar estes análises a outros tramos do Camiño de Inverno. O que pasa por Monforte, por exemplo, merecería que se lle dedicase un curso en exclusiva, porque ten bastantes problemas que habería que estudar e mellorar.