Nace un novo colectivo feminista de ámbito provincial, pero con sede en Monforte
08 abr 2019 . Actualizado a las 16:43 h.Ollala Mariño é a portavoz dunha nova asociación feminista con sede en Monforte pero de ámbito provincial, o colectivo Femforte.
-Como xurdiu a idea de crear a asociación?
-Somos un grupo de mulleres unidas a través da que actualmente é a presidenta, Leticia Vila. Algunhas coñecíanse directamente e outras fomos chegando por casualidade, algunhas a través das concentracións feministas do pasados mes de marzo.
-Cales son os seus obxectivos?
-Os obxectivos principais son promover a igualdade no ámbito público do que a muller se viu históricamente excluida e tamen no privado, previndo a violencia machista, dándolle o valor que merecen ao traballo non remunerado de coidados e impulsando a corresponsabilidade no fogar.
-Cantas son na asociación?
-Somos once fundadoras, pero xa hai 25 máis interesadas en asociarse, así que para a próxima semana agardamos dar boas novas no que respecta a este punto.
-Que tipo de actividades teñen pensado realizar?
-Proximamente faremos un acto de inauguración. Aínda non podo concretar a data, pero adianto que vai ser emotivo. Ademáis estamos a preparar actividades socioeducativas.
-Na asociación pódense inscribir homes?
-Por suposto, estamos encantadas de que se incorpore calquera persoa, con independencia da súa identidade sexual ou de xénero.
-Coñecen casos concretos de discriminación?
-No ámbito profesional coñezo moitos casos de discriminación salarial. No persoal, antonte mismo pasoume un caso. Fun tomar algo cun amigo que non bebe alcol. Cando trouxo as bebidas, o camareiro deu por feito que a sidra era para el e a auga para min. Este feito dinos que os estereotipos e os roles de xénero aínda pesan moito.
-Por que unha asociación comarcal en vez de integrarse nalgunha das que xa hai?
-Hai problemas sociais que se producen a nivel local, porque un feito local os desencadea. Estes feitos requiren respostas locais. Por exemplo o sur de Lugo é unha das áreas con taxas máis altas de exclusión social de toda Galicia. A exclusión social habitualmente afecta máis ás mulleres que aos homes. Fálase de feminización da pobreza para describir este feito. Polo tanto é positivo e necesario que as asociacións desta zona estuden por que ocorre isto, propoñan solucións e canalicen a demanda ás instancias superiores á local.