Viños singulares para degustar en Taboada durante o Nadal

La Voz

LEMOS

ROI FERNANDEZ

Desde hoxe ata o 13 de xaneiro haberá unha serie de catas en once locais de hostelería

27 dic 2018 . Actualizado a las 14:05 h.

Ata o 13 de xaneiro, os veciños e visitantes de Taboada terán a oportunidade de asistir a unha serie de catas urbanas de viños singulares elaborados na Ribeira Sacra. As catas organízanse dentro do proxecto Enonatur, impulsado polo enólogo chantadino Roberto Regal (na imaxe sobre estas liñas). Durante este período poderán degustarse en once locais de hostelería de Taboada outros tantos viños dos denominados singulares ou de parcela, procedentes de vides situadas en todas as latitudes existentes na Ribeira Sacra e cultivadas con métodos sostibles.

Entre os viños que se poderán degustar nestas catas figuran Lagar do Vento 2017 -cualificado como o mellor tinto xove dese ano na denominación de orixe-, Gaela Os Queixeiros -con dúas medallas de ouro na cata Gran Patrimonio-, Nomad Finca As Carneiras -da colección persoal do viñador italiano Giuseppe Egitto- ou Neno da Ponte-Finca Sampaio. Todos os viños teñen un prezo de 2,60 euros. As catas ofreceranse «a calquera hora do día de xeito coloquial», segundo apuntan os organizadores. Os promotores da iniciativa sinalan por outro lado que a súa finalidade é «que os enófilos de toda Galicia teñan a posibilidade de probar viños singulares que levan implícitas as características de moitas zonas da Ribeira Sacra, todos eles elaborados na parroquia de Friomonde, baixo os valores do proxecto Enonatur».