«As lendas explican tanto ou máis que calquera artigo científico»

Luis Díaz
LUIS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNÁNDEZ

06 nov 2017 . Actualizado a las 12:38 h.

Aitor Freán Campo (Sarria, 1991) vén de publicar na revista Gallaecia un traballo sobre a lenda dos Ibios de Sober. Graduado en Historia pola Universidade de Santiago, onde fai o doutorado, soubo desta tradición oral da Ribeira Sacra mentres facía un máster sobre arqueoloxía e prehistoria en Cantabria. No relato sobre o antigo asentamento dos Ibios -situado nunha zona onde apareceron restos dunha antiga vila romana- conflúen elementos primordiais na Ribeira Sacra: a orixe dun pobo que ten nas vides a súa principal forma de vida, a cultura fluvial representada nas barcas e nos seus portos, e os mosteiros. O autor analízaos dende unha perspectiva histórica e simbólica que remite en última instancia á figura dos mouros.

-¿Son os Ibios unha cristianización dun termo pagán?

-Na lenda evítase utilizar o termo mouros, de carácter máis pagán. Pasa o mesmo coa virxe de Cadeiras, na que se reviste cunha lectura cristianizada unha lenda máis antiga na que a protagonista o máis seguro é que fora unha moura. Nos Ibios a súa caracterización como descendentes de Noé tamén é unha forma de cristianizar o relato, seguramente como consecuencia da influencia monástica na Ribeira Sacra.

-¿Como coñeceu a lenda?

-O meu primeiro contacto coa lenda dos Ibios foi cando estaba en Santander. Daquela preparaba un traballo de fin de máster sobre os posibles usos que a tradición oral podía ter na investigación arqueolóxica e histórica. Contactei con todos os centros de ensino rexistrados na Xunta para invitalos a participar no que quería ser unha catalogación actualizada do noso saber popular. Un dos que contestou foi o Río Cabe. Xesús Verao mandoume a dirección do blog da asociación de Sober O Colado do Vento, onde atopei por vez primeira información  sobre esa lenda. O traballo que publica Gallaecia é unha investigación a título particular, non ten que ver nin co máster nin co doutorado que estou a facer. 

-¿Que lle chamou a atención?

-Nunha primeira lectura, aínda moi superficial, pareceume xa moi interesante. Por iso decidín visitar a zona, para entender o seu significado. Só vendo esa paisaxe entendes a transcendencia que pode ter a simboloxía das barcas fluviais. Tampouco sabía que en Sober houbese antigamente mosteiros. Cada un dos significantes que xiran sobre o sentido último dese relato levan a unha parte da historia da Ribeira Sacra e iso é o que fai realmente singular a lenda dos Ibios. 

-¿Mantívose o relato no tempo?

-Hai unha serie de significantes que foron mudando co tempo, pero o núcleo mantívose. Se nese camiño no que se foron alterando parte dos seus significantes chegara a modificarse o seu significado último, o relato perdería todo sentido, non serviría para explicar ningunha realidade, e acabaría esquecéndose. Nos Ibios hai un sentido orixinal que posiblemente teña que ver coa presenza duns vestixios arqueolóxicos. Nun momento indeterminado, a xente de Sober tratou de explicar o que había alí. O normal en Galicia é relacionalo cos mouros, xente que pertencía a outra raza e que deixou eses restos. A Ribeira Sacra, e Sober en particular, teñen unha historia singular que vai alterar o relato ata chegar ao que temos hoxe. Está a viticultura, o sistema de barcaxes, a proliferación dos mosteiros, todo un sistema que artella o territorio. Na investigación trato de ir quitando capas para chegar ao cerne, a eses poboadores primitivos que trouxeron a actual forma de vida da que son herdeiros os habitantes de Pinol.

-¿Cal é o valor destas lendas?

-As lendas explican moito máis que calquera artigo científico que poda publicar unha universidade. A dos Ibios, por exemplo, foi unha maneira de saber que en Sober existiron dous mosteiros. O problema é que o mundo académico xerou certo complexo na cultura popular. Os avós teñen vergoña de contarlle as historias ao seus netos.

-¿Perigan co declive do rural?

-Si, é tamén pola globalización. A veces atopas informantes cun discurso «académico», co que se perde o sentido orixinal. O que verdadeiramente significan os Ibios é o que pensa a xente dese lugar de Sober, non o que eu diga. Podo interpretar o relato, pero o significado está no que pense a xente de Pinol. Se botasen man do meu artigo para interpretar a tradición oral que eles herdaron, estarían destruíndo a súa lenda.