No museo de Arxeriz hai moito máis do que o público pode ver

Francisco Albo
fRANCISCO ALBO MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

CARLOS RUEDA

O centro está catalogando as pezas de valor etnográfico gardadas nos seus almacéns, que suman cerca de catrocentas

21 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As numerosas pezas representativas da cultura material da Ribeira Sacra que se exhiben actualmente no Ecomuseo de Arxeriz -no municipio do Saviñao- están lonxe de constituir a totalidade dos fondos do centro. Nos seus almacéns gárdanse ademais moitos outros materiais que nunca foron mostrados aos visitantes e que están sen inventariar na súa maior parte. A Fundación Xosé Soto de Fión, propietaria do museo, iniciou nos pasados días unha operación de catalogación destas pezas con vistas a unha futura ampliación das súas instalacións.

O director do museo, José Antonio Quiroga, sinala que nos seus almacéns hai actualmente cerca de catrocentas pezas de numerosos tipos, das que só arredor dun centenar están inventariadas. As outras están sendo incluídas nun ficheiro elaborado con criterios museísticos que inclúe a descrición de cada unha das pezas, o seu estado de conservación, o seu lugar de procedencia e tamén -cando isto é posible- os nomes dos seus antigos propietarios. Todos estes obxectos foron de uso común nas poboacións rurais desta área xeográfica ata os anos 60 do século pasado.

Unha grande parte destes materiais procede de doazóns de veciños de diferentes municipios. «Houbo xente que preferiu ceder ao museo vellas ferramentas, apeiros e pezas de mobiliario que tiñan nas súas casas antes de que acabase por perderse ou estropearse», explica Quiroga. Noutros casos, o museo decidiu adquirir certos obxectos considerados de especial interese pola súa singularidade.

Recollida continuada

O museo realizou un intenso labor de recolección de materiais de valor etnográfico antes de abrir as súas primeiras salas ao público, no 2004. Pero a recollida seguiu levándose a cabo de forma máis ou menos continuada desde entón ata hoxe e a colección gardada nos almacéns non deixou de medrar en todo este tempo. Xunto coa do museo etnográfico municipal de Quiroga, este é o conxunto máis amplo de elementos da cultura material tradicional da Ribeira Sacra lucense que existe na actualidade.

Os responsables da Fundación Xosé Soto de Fión, segundo indica Quiroga, teñen previsto expor de maneira permamente unha grande parte dos materiais que agora están gardados nos almacéns, pero por agora non se pode dicir cando se fará a ampliación. Non obstante, unha vez que termine o labor de catalogación actualmente en curso, o museo permitirá examinar estas pezas aos historiadores, etnógrafos ou otros especialistas que se mostren interesados, sen ter que esperar a que se exhiban na salas do centro.

Testemuños de actividades propias da vida cotiá hoxe desaparecidas na súa maior parte

Estes son os principais apartados que poden englobar os diferentes materiais da colección etnográfica gardada nos almacéns do museo, segundo os seus responsables. A maioría destas pezas xa foron obxecto no seu día de traballos de restauración e de tratamentos sanitarios para eliminar a carcoma e outros insectos xilófagos. Faltan aínda por tratar algúns materiais que foron adquiridos polo museo en tempos moi recentes.

Cultura fluvial. Nesta sección destacan cinco barcas tradicionais de diferentes tipoloxías. Outras once embarcacións están expostas actualmente nas dependencias abertas ao público. A isto engándese numerosas artes de pesca, como redes ou nasas.

Transporte terrestre. A colección comprende antigos carros de bois de seis tipos distintos, provistos de todas as súas pezas, como estadullos e xugos.