«Sempre digo que a Ribeira Sacra é como un val do Douro en miniatura»

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ROI FERNANDEZ

Un fotógrafo portugués presentou en Monforte a exposición «Espaços sacros», que tamén será exhibida en Lisboa

30 oct 2016 . Actualizado a las 14:35 h.

No Centro do Viño da Ribeira Sacra de Monforte foi inaugurada onte a primeira exposición que presenta en Galicia o fotógrafo portugués Nuno Cardal. Natural de Lisboa, estudou historia na Universidade de Coimbra e está especializado na fotografía de paisaxes de singular valor histórico e cultural. Cardal ten traballado tamén en firmas publicitarias, colaborou en programas de televisión de temática cultural e turística e é autor de varios libros. Algúns traballos seus apareceon na célebre revista National Geographic. A exposición leva por título Espaços sacros e está dedicada á Ribeira Sacra, que coñeceu grazas ao hostaleiro soberino Antonio Álvarez.

-¿Canto tempo leva visitando a Ribeira Sacra?

-Coñecina hai uns catro anos porque Antonio Álvarez me convidou a visitala e cando a vin fiquei encantado. Desde entón voltei moitas veces e animei a outras persoas a visitala. Todos os portugueses que coñezo eu que viaxaron á Ribeira Sacra quixeron voltar despois e por algo é. Todos concordan en que é unha zona moi bela e tamén moi acolledora, que é o mesmo que penso eu. Acho que este territorio ten sen dúbida suficientes valores para ser recoñecido como patrimonio da humanidade.

-¿Velle moitas semellanzas coas paisaxes vitícolas tradicionais do val do Douro?

-Si, está claro que son unhas rexións moi parecidas tanto na paisaxe como na historia, nas tradicións culturais e na grande importancia que ten nos dous territorios o cultivo das viñas e a produción de viños. Precisamente eu acostumo presentar a Ribeira Sacra aos meus amigos e coñecidos en Portugal facendo unha comparación co Douro. Sempre digo que a Ribeira Sacra é como unha versión en pequeno do Douro, como un val do Douro en miniatura.

-¿Que atractivo lle encontra a este territorio como fotógrafo?

-É unha terra onde os fotógrafos non temos que nos esforzar moito para facer boas fotografías. Para min é moi importante o feito de que aquí existe unha paisaxe moi homoxénea de viñedos e antigos mosteiros. A beleza envolvente das paisaxes do Sil e do Miño combínase con edificacións de grande valor histórico e o conxunto ofrece un encanto moi singular. En Espaços Sacros pretendo reflectir todos estes aspectos desde o punto de vista de alguén que vén de fóra e facer fincapé na importancia dos terreos onde se produce o néctar propio destas terras, as viñas onde se crían os viños da Ribeira Sacra.

-¿A Ribeira Sacra é coñecida en Portugal?

-Por agora é pouco coñecida, mais espero que o sexa cada vez máis no futuro. Tamén espero que o meu traballo axude a que esta terra sexa máis famosa a partir de agora no meu país.

Imaxes que serán recollidas nun libro de próxima publicación sobre o Miño e Galicia

A presentación de Espaços sacros en Monforte, segundo explica Nuno Cardal, é só o primeiro paso dun percorrido por Galicia que el espera que sexa prolongado.

-¿A exposición irá a outros lugares despois de pasar por Monforte?

-Quen está levando os trámites en Galicia é Antonio Álvarez e por agora sei que será presentada máis adiante na vila de Castro Caldelas e en diferentes partes de España. Aínda non sei cando irá a cada sitio. Quero levar tamén esta exposición a Portugal e xa teño previsto presentala en Lisboa e probablemente no Porto.

-¿Ten pensado realizar máis traballos fotográficos sobre a Ribeira Sacra?

-Ademais desta exposición, xa teño no prelo un libro de fotografías no que aparecerán as paisaxes da Ribeira Sacra. Desde hai anos estou a editar unha serie de libros baixo o título xeral de Panoramas e xa apareceron varios volumes dedicados a Lisboa, Sintra, Madeira, Porto e o val do Douro. O próximo libro será sobre o Miño e Galicia, e é nese volume onde figurarán as paisaxes e os monumentos da Ribeira Sacra. Ademais, algunhas fotografías que tomei nestas terras xa poden verse actualmente na miña páxina web, xunto cos meus outros traballos.

-¿Vai presentar ese libro en Galicia e tamén na Ribeira Sacra?

-Claro que o farei. Penso que será durante o ano próximo, mais aínda é cedo de máis para anunciar as datas.