Manuel Rajo: «É máis fácil maridar os viños con Cunqueiro que con Rosalía»

Luis Díaz
LUÍS DÍAZ MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

Sargadelos acolle mañá unha lectura pública de Cantares Gallegos

21 feb 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A Asociación de Amigos do Viño da Ribeira Sacra programou unha nova actividade cultural. En colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, organiza unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro coincidindo co 150 aniversario de Cantares Gallegos. Será mañá venres, a partir das oito da tarde, na Galería Sargadelos de Monforte. «O acto está aberto a todos os que queiran vir ler, sexan socios nosos ou non», di Manuel Rajo, presidente dos Amigos do Viño da Ribeira Sacra.

-¿Fan boas migas o viño e a cultura?

-A nosa idea na asociación sempre foi vincular o viño con outras cousas, sobre todo cos aspectos culturais. Queremos ir máis lonxe das larpeiradas. O ano pasado lle dedicamos unha comida a Rosalía, polo seu 175 aniversario, e tamén fixemos un xantar cunqueirán.

-¿Qué pratos e viños van ben con Rosalía?

-Con Rosalía fixemos un maridaxe un tanto libre. Con Cunqueiro foi moito máis fácil, eliximos un capón.

Manuel Rajo, socio tamén da Irmandade dos Viños Galegos, preside a Asociación de Amigos do Viño da Ribeira Sacra dende a súa posta en marcha, cando abriu o museo vitivinícola acondicionado no vello consistorio de Monforte. Son sesenta socios, dos que vinte participan regularmente en todas as actividades. Pagan unha cota de entrada de corenta euros e vinte a maiores ao ano. Neste tempo, levan feito un pouco de todo. Presentaron un libro de Xulio López Valcárcel, fixeron unha degustación con música de jazz e cataron viños de Sudáfrica coa escusa do último mundial de fútbol.

-¿Que pode facer a asociación polos viños da Ribeira Sacra?

-Somos amantes do viño e da cultura da Ribeira Sacra, non técnicos que poidamos entrar en máis profundidades. O noso papel é dar a coñecer a Ribeira Sacra á xente que nos visita e tamén cando saímos fóra. Estar dentro da Federación de Cooperativas Gastronómicas, da que xa fomos anfitrións nunha xuntanza, permítenos descubrir estes viños a moita xente que non sabía deles. A todo o mundo lle causan moi boa impresión unha vez que se coñecen.

-Pero os datos sobre consumo din que a cultura o viño está de capa caída.

-Paréceme moi mal que se vincule viño e alcoholismo. Penso que detrás hai intereses económicos das industrias elaboradoras doutras bebidas, especialmente da cervexa. O viño evidentemente ten alcohol, pero polas súas características préstase máis a un consumo responsable, que é xusto o que hai que inculcar á xuventude. Aquí non se toma viño fóra da comida ou sen unha tapa. Ás catro da tarde, ninguén o pide.