O pasado ano empezou na provincia lucense cun temporal de auga e vento e rematou cun dos máis baixos rexistros históricos de precipitacións
15 ene 2012 . Actualizado a las 06:00 h.Cálido e moi seco. Así se resume o 2011 na provincia lucense dende o punto de vista meteorolóxico. Fóra desta tendencia xeral, as anomalías máis salientables producíronse nada máis empezar o ano, cun forte temporal de chuvia e vento. Xa en maio abondaron as treboadas e no segundo semestre do ano pasaron meses sen que caese unha pinga de auga, un feito decisivo para que se pechase un dos anos con menor nivel de precipitacións en Lugo desde que se teñen rexistros.
O arranque do 2011 non facía presaxiar, sen embargo, que se chegase a esa situación. A borrasca do mes de xaneiro foi especialmente intensa entre os días 4 e 8. Nesas cinco xornadas acumulouse unha porcentaxe moi importante de auga. As chuvias caeron con forza en puntos do interior da provincia. Estacións como a de Portomarín rexistraron ata 94 litros por metro cadrado en só doce horas o día 6.
Nesa mesma xornada houbo ademais fortes refachos de vento, que superaron os cen quilómetros hora en moitas estacións, como foi o caso da de Cervantes, na que se acadaron os 109.
A citada borrasca marcou ata tal punto o tempo en xaneiro, que nas zonas da provincia onde máis choveu pódese dicir que foi un mes húmido, pero en cambio naqueles puntos onde as precipitacións non foron tan abundantes, o mes resultou incluso seco.
Febreiro empezou cunha situación anticiclónica, e cun marcado contraste entre as temperaturas mínimas, que deixaron abundantes xeadas no interior de Lugo, e as máximas, como os 19 graos que se acadaron na provincia lucense na tarde do día 6.
Entre o 12 e o 17 do citado mes, a característica principal foi a chuvia e o vento. De xeito consecutivo en todas esas xornadas superáronse os cen quilómetros hora de refacho máximo en estacións costeiras, con máximos absolutos de 141 quilómetros hora en Burela na xornada do 14.
Un tornado no sur
Destaca tamén nesas xornadas a presenza de pedrazo e aparato eléctrico, chegando a detectarse un tornado no sur de Lugo na tarde do día 16. Os raios tamén foron protagonistas na provincia luguesa no mes de maio. O aire frío en altura procedente dunha borrasca situada sobre Madeira deixou chuvias irregularmente repartidas e tormentas que se concentraron principalmente no sur de Lugo.
Durante a xornada do 25 as tormentas vespertinas foron protagonistas en moitos puntos da comunidade. Cabe destacar por exemplo o rexistro de Foz, que recolleu máis de 15 litros por metro cadrado de chuvia en media hora. Na Mariña luguesa choveu practicamente a metade dos días do mes.
Un maio treboento
Aínda que os raios se concentrasen principalmente na segunda quincena, o día 6 foi especialmente treboento. A rede de detección chegou a rexistrar a caída de 11.645 raios en Galicia en maio, sendo Lugo e Ourense as provincias máis afectadas polas treboadas.
Tras uns meses de xuño e xullo secos en xeral, agosto seguiu a mesma tónica, ata o punto de que o interior da provincia lucense se situou como a zona na que se rexistrou o menor número de días de chuvia.
As escasas precipitacións de setembro foron consecuencia das treboadas. A mediados dese mes, a chegada de aire frío ás capas medias e altas da atmosfera deixou unha situación potencialmente treboenta, que ocasionou algúns chuvascos concentrados no leste de Lugo, máis activos na tarde do 15 cando se rexistraron máis de 300 raios durante a tarde-noite.
Houbo que agardar ata a recta final de outubro para atopar uns niveis de precipitacións realmente importantes, tanto que os 199 litros por metro cadrado recollidos ese mes na estación meteorolóxica de Taboada representan máis cantidade de auga que no conxunto dos sete meses anteriores.
Novembro cálido en Lugo
Non obstante, o tempo seco retornou en novembro, sobre todo en Lugo. O interior desta provincia rexistrou as precipitacións máis baixas con respecto ao período de referencia 1971-2000, con descensos que van do vinte ao corenta por cento. No sur, os días de chuvia estiveron entre os nove e os dez.