Historias de tasca no lonxano oeste

eva f. ferreira MONFORTE

LEMOS

Unha viaxe pouco convincente con rostros moi coñecidos da televisión

21 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A pesares de contar con engado suficiente como para resultar atractiva para o grande público, American Café, a montaxe que puidemos ver esta semana en Monforte, non acabou de convencer. Baseada nunha peza do alxeriano Mohamed Rouabhi, habituado nos seus textos a mostrar rostros e voces dos que viven nas periferias, American Café recrea as historias dunha serie de personaxes reunidos entorno ao bar do mesmo nome, nalgures entre os Estados Unidos e México.

O responsábel da posta en escena, o actor e director Celso Parada, falaba nos días previos á estrea da súa intención de mostrar nesta obra a «América profunda»: a da marxinalidade, o racismo e a violencia. Comparaba ademais á sociedade norteamericana coa europea, segundo el, ámbalas dúas marcadas polos clixés e os estereotipos.

Moitos estereotipos

E porén, o que máis abunda nesta montaxe son precisamente iso, os estereotipos. Comezando pola construción dos personaxes, plana e falta de matices, tanto a nivel psicolóxico como xestual. Isto resulta nunha interpretación tópica e predicíbel, como acontece, por exemplo, coa camareira inxenua, a estrela de televisión, o tolo da vila ou o perdedor.

Aínda no apartado da interpretación, contrastan as presumíbeis intencións de realismo coa artificialidade de convencións tales como os efectos enlatados (risos, choros de bebé). Ou tamén o recurso da maquillaxe para caracterizar o personaxe do negro, o que nos distancia do conflito, digamos real, que sería o racismo, e nos achega máis á pantomima e á cabalgata de Reis.

Por outra banda, a montaxe adoece dunha evidente falta de ritmo; unha monotonía que por forza acaba facendo que o público perda interese no que está a suceder en escena. Pasan os minutos e o conflito non acaba de arrancar. Entran e saen personaxes sen que aporten nada realmente significativo na trama que, por outra parte resulta pouco clara; por momentos, mesmo confusa. «Pero, ao final, a quen mataron?», pregunta alguén á saída. «E o da camareira?» «Como?» «Que antes era?un home?». «En que parte din iso?»

Escusamos dicir que a deficiente acústica do edificio tampouco axudou á comprensión da obra.

Nin comedia nin drama

Tampouco temos claro se nos atopamos ante unha comedia ou un drama, a pesar de que no programa de man se anunciaba unha «comedia amarga». Un exemplo: os chistes da estrela da televisión nin resultan graciosos nin parece que haxa unha intención paródica ou irónica por parte da dirección. Que visión quería ofrecernos destes personaxes, deste mundo no que se moven? Quería criticalos? Compadecelos talvez? Non fica demasiado claro.

En último lugar, comentar o carácter prescindíbel de certos anglicismos que aparecen nos diálogos, sen ningunha xustificación dramatúrxica. Son palabras como cookies ou black que, malia estarmos tan habituados a escoitalas que xa nos parecen da nosa lingua, traducidas teñen un significado tan cotián -e tan pouco exótico- como «galletas» ou «negro».