A lectura dunha tese, o 6 de xullo, será o primeiro acto académico da Estación Científica do Courel
22 jun 2010 . Actualizado a las 14:29 h.A defensa dunha tese de doutoramento realizadada por unha licenciada en bioloxía da Universidade de Santiago, prevista para o 6 de xullo, será o primeiro acto académico que se celebre na Estación Científica do Courel (ECC), inaugurada en Seoane o pasado día 11. Esta será tamén a primeira ocasión en que se leve a cabo nunha localidade da montaña galega unha actividade deste tipo.
A tese foi elaborada por Mar Sobral Bernal e trata sobre as relacións entre o espiño albar ( Crataegus monogyma , tamén coñecido como escambrón, estripeiro ou escaramuñeiro) e diferentes especies de aves. O estudo céntrase concretamente na influencia que teñen esas relacións no tamaño dos froitos deste coñecido arbusto. Unha boa parte das investigacións de campo nas que se basea a tese foron realizados na Serra do Courel, nas cercanías de Mostaz. A tese foi dirixida polos profesores José Guitián e Asier Rodríguez.
O traballo encádrase na modalidade académica denominada tese europea, polo que o tribunal cualificador debe contar ao menos cun representante dunha universidade dalgún outro país da Unión Europea. Neste caso será Sílvia Castro, profesora da Universidade de Coimbra. O tribunal será encabezado polo catedrático Javier Guitián, director da estación, e estará integrado ademais polos profesores Daniel García, Pedro Rey -das universidades de Oviedo e Jaén- e Ignacio Munilla, da USC, que actuará como secretario. O acto comezará a celebrarse ás once e media da mañá.
Significación
A lectura desta tese doutoral reviste especial interese para os responsables da estación de Seoane porque marca o inicio do seu funcionamento normal como centro universitario. «Como xa dixemos no seu momento, queremos que a estación non sirva só para realizar investigacións científicas, senón tamén para albergar todo tipo de actividades académicas e esta é a primeira que podemos considerar como tal, porque o que celebramos o día 11 foi simplemente a apertura do centro», sinala Javier Guitián.
A dirección da ECC, por outro lado, espera poder organizar o próximo outono algunha actividade relacionada co poeta Uxío Novoneyra, protagonista do Día das Letras Galegas deste ano. Despois do verán, como xa se anunciou no seu momento, a estación acollerá así mesmo un curso formativo para docentes non universitarios e unhas xornadas científicas sobre a conservación e a xestión dos soutos.
Na primeira semana do mes próximo, por outro lado, chegarán tamén á estación os primeiros investigadores que se servirán das instalacións do novo centro universitario.