Uso, non abuso

? Ana Sánchez Vázquez ?

LEMOS

A favor ou en contra das redes sociais? Ou o debate debería centrarse no uso indebido destas novas achegas? Na actualidade, unha das causas que provoca o maior índice de mortalidade, son os accidentes de tráfico. Por iso os coches deben desaparecer? Ou pola contra hai que mellorar a súa seguridade, mellorar as estradas e facer máis cívicos aos seus usuarios?

Ben certo é que as redes sociais poden facilitar a obtención da información, da súa manipulación e do uso na nosa contra por usuarios corruptos. Pero todo reside na cantidade de información que nós mesmos queiramos facilitar, ao igual que non coñecen todo sobre nós moitos dos compañeiros do día a día. Entón, son inseguras? Todo é relativo, e poño un exemplo. Queremos marchar de vacacións, e para iso pechamos a casa. Pero o ladrón non pode romper unha ventá, escalar e introducirse na nosa vivenda? Non creo que a solución sexa non marchar de vacacións.

Non podemos pechar as portas a este avance que son as redes sociais, a un novo sistema de comunicación áxil e eficaz, polo feito de que haxa usuarios que non o empreguen dun xeito correcto. Abusos e malos usos existiron sempre, non son unha novidade deste sector. Os casos tan sangrantes da xente que desatende á súa familia por obsesión co mundo virtual poden equipararse aos que xa existían moito antes co alcohol, coas drogas, e con algo moi actual, os malos tratos?

Tamén podemos atopar obras boas nas redes sociais. Un caso recente é o do terremoto en Haití. Os medios de comunicación quedaron inutilizables, pero foi unha verdadeira sorte que un usuario desde un punto concreto do país tivese acceso a Internet. Así, e coa velocidade que posúe esta rede, a información que colgou aquí puido chegar ata a Embaixada deste país en España. E foi a única información que se obtivo.

Outra crítica empregada para o non uso das redes sociais é que a comunicación virtual nada ten que ver coas que os nosos antepasados mantiñan. Queren dicir entón que os nosos antepasados eran máis humanos porque se comunicaban cara a cara? Non é certo que neses tempos tamén existían guerras? O mundo virtual non pretende substituír ás relacións humanas más tanxibles. Simplemente, enriquecelas e complementalas.

En definitiva, temos que poñer os medios para que todos sexamos conscientes e empreguemos os novos avances coa fin para a que foron creados. Porque por sorte ou por desgraza, sempre existiron ladróns e policías en calquera ámbito da nosa vida.

As redes sociais non son un mal en si mesmas, o mal radica no seu inadecuado uso.