Un restaurante de Sober é o único da zona que ofrece percorridos turísticos guiados aos seus clientes
26 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Algunhas hospedaxes rurais da Ribeira Sacra ofrecen desde hai tempo percorridos de sendeirismo aos seus clientes, pero por agora só hai na zona un restaurante que organice rutas turísticas pola súa conta. Trátase do establecemento A Cantina, da parroquia soberina de Doade, que ofrece este tipo de servizo desde hai tres anos e, segundo afirman os seus responsables, está tendo unha demanda moi elevada.
Os percorridos que ofrece o restaurante soberino á súa clientela inclúen unha travesía en barco polo Canón do Sil -xeralmente nas embarcacións da Deputación- cando este servizo está en funcionamento. A oferta comprende tamén visitas ás adegas da zona, aos miradoiros do Canón do Sil, ao centro oleiro de Gundivós, ás igrexas románicas ou a outros lugares de interese histórico, como o casco antigo de Monforte. As rutas poden realizarse durante todo o ano, pero teñen máis demanda a partir de abril.
Os usuarios deste servizo, segundo explican os propietarios de A Cantina, «son normalmente asociacións culturais, de veciños ou de mulleres, ou ben grupos de familiares ou de amigos. Non temos establecido un número mínimo de participantes, pero o máis habitual é que sexan grupos de quince, vinte ou cincuenta persoas, ou sexa, as que caben nun autocar pequeno ou grande», engaden.
Ofertas
Os percorridos seguen habitualmente o mesmo guión, pero poden variar en función dos gustos dos clientes. «Ademais da comida, ofrecemos un día completo de actividades que se adaptan aos desexos dos usuarios e ao seu nivel cultural», din os responsables do establecemento. «Por exemplo, hai os que prefiren visitar unha igrexa románica ou un mosteiro e hai outros que piden que os levemos a facer compras a Monforte. Nós organizamos a ruta de acordo cos seus desexos, poñemos un guía á súa disposición e xa non teñen que preocuparse de nada», agregan.
Desde que se puxeron en marcha, os percorridos atraeron sobre todo a visitantes doutras partes de Galicia, pero tamén está chamando a atención de turistas procedentes doutras comunidades, cos que o restaurante contacta a través dalgunhas axencias de viaxes. «A fórmula está funcionando moi ben e para o próximo mes de maio, por exemplo, xa temos percorridos previstos para todas as fins de semana», sinalan os donos do restaurante.
A iniciativa, din por outra parte, non ten por único obxectivo favorecer economicamente o seu negocio. «Ao mellor soa un pouco idealista, pero gústanos tamén contribuír un pouco a que a xente de fóra coñeza mellor a Ribeira Sacra e a comarca de Lemos, que se vaian cunha idea clara do que é esta zona e que se animen a volver máis veces», comentan.