Non soamente Teruel existe, senón tamén a montaña lucense. O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, así o afirmou onte en Becerreá, aínda que na súa intervención cometeu por dúas veces o erro de referirse á Mariña lucense e non á montaña luguesa.
No seu percorrido polas diferentes localidades de Galicia, o líder dos populares galegos visitou onte cinco concellos da montaña de Lugo: Becerreá, O Corgo, As Nogais, Pedrafita e Baralla. No primeiro deles fixo un alto no seu paseo pola feira para referirse aos que serán os tres piares do PP nesta zona: as políticas sociais, as vías de comunicación e os parques empresariais.
Segundo Núñez Feijoo, o actual Goberno «esquécese de que a montaña lucense existe, de que aquí hai xente que necesita os mesmos servizos, uns servizos públicos dignos». Neste sentido lembrou que na zona hai catro residencias de maiores e catro centros de día sen facer dende hai catro anos.
Para o presidente do PPdeG, outra das asignaturas pendentes da montaña luguesa son as infraestruturas. «Baralla e As Nogais están sen conectar coa autovía; a conexión entre Becerreá e Sarria está paralizada e segue retrasada o enlace desta zona con Asturias» -afirmou-.
En relación coa instalación de pequenas industrias na zona, criticou, por exemplo, que o polígono de Becerreá estea paralizado. De Pedrafita, Castroverde e As Nogais dixo que reciben cero euros nos investimentos, engadindo que «non existen a efectos de presupostos da Xunta».
Alberto Núñez Feijoo concluíu afirmando que «hai moitas cousas que facer na montaña lucense, moitos compromisos que cumprir. Ata agora esta zona non estivo na axenda autonómica e os populares temos moito que facer no próximo Goberno».