«É algo estraño ter que subornar á policía para poder traballar en África»

LEMOS

23 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xornalista de recoñecido prestixio e chantadino de nacemento. Este é Xaquín López García, que na actualidade traballa na canle pública TVE. Nas súas vacacións volta a súa terra, e a súa dona apunta cun sorriso nos beizos que cada vez que chega a Galicia, o seu acento cambia.

-¿A súa carreira profesional deu comezo na súa marcha de Chantada a Madrid?

-Si, foi no ano 1980 cando marchei a Madrid a estudar xornalismo porque aínda non había en Santiago, alí botei cinco anos de carreira e ao rematar volvín acó. Logo estiven en Santiago na TVE territorial. Fun a Lugo con RNE porque era a única provincia española sen emisora. Volvín a Santiago durante cinco anos, e e logo fun a Madrid, onde continúo hoxe en día.

-Agora que percorre moitos países, ¿como leva traballar fóra da casa?

-Moitas veces é complicado polas carencias tecnolóxicas dalgúns países, unhas veces polas circunstancias económicas e outras porque o motivo da viaxe é por un desastre natural e nin sequera hai electricidade. Tamén é incómodo traballar acompañado dun policía todo o día observando o que gravas, como me pasou en Nixeria.

-¿Terá moitas anécdotas?

-Moitas, pero a que máis conto, é algo estraño ter que subornar á policía para poder traballar. Isto ocorre en Nixeria, Chad, Costa de Marfil...

-Pero sempre volta a Chantada...

-É a miña aldea e teño moitos amigos aquí. Sempre que podo veño.