Nas Xornadas de Folclore Internacional actuarán grupos de Taiwán, Venezuela, a República de Komi e México
15 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Este será o vixésimo quinto ano que Monforte acolle as Xornadas de Folclore Internacional, que se celebrarán o vindeiro 19 de agosto na praza da Compañía a partir das 22.30 horas. Nese momento os asistentes poderán viaxar ata Taiwán, México, Venezuela e a República de Komi sen coller ningún medio de transporte, simplemente disfrutando do espectáculo e deixándose levar.
Coa filosofía de promover e dar a coñecer a beleza da danza e o arte tradicional de Taiwán en todo o mundo chegará a Monforte o grupo Yi-tzy Dance Troupe, formado por vinte bailaríns de idades comprendidas entre os 14 e os 25 anos. O seu espectáculo basearase nas tradicións e costumes do sureste de China e Taiwán.
Dende a República de Komi, situada nos montes Urais, chega o grupo Assia Kya. No seu repertorio inclúen cancións, bailes, instrumentos e a riqueza das tradicións do seu pobo, que alcumou ao seu país como o lugar do nacemento do cisne e incorporou as súas crenzas ao seu folclore.
A compañía mexicana de danza folclórica Tenochtitlán ofrecerá ao público da praza da Compañía diversas danzas, bailes e ritmos representativos de México, todo isto presentado con coreografías e vestiarios marcados pola súa orixinalidade e colorido. Este grupo busca ser unha aportación á rica tradición musical do seu país, froito do sincretismo das culturas americana, europea e africana.
O grupo Enigma 92, procedente da cidade venezolana de Píritu, actuará co grupo musical Maisanta, que leva máis dunha década realizando xiras de difusión de música popular daquel país. Os bailaríns de Enigma 92 caracterízanse por unha consistente formación no campo da danza e da música folclórica.
Estas xornadas, que contan con grande aceptación popular e son un dos espectáculos máis esperados cada verán en Monforte, son unha mostra do folclore de distintos países e culturas moi diversas a cargo de prestixiosas formacións. O espectáculo está organizado pola Deputación de Ourense e a delegación de Cultura do Concello de Monforte de Lemos.