As dúas casas de turismo rural da provincia que contan co selo de calidade Q están na zona sur

LEMOS

A sociedade Turgalicia, dependente da Consellería de Innovación e Industria, acaba de pór en marcha unha campaña de promoción dos establecementos galegos que contan co chamado distintivo Q, unha marca de calidade que outorga o Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) e que ostentan actualmente 116 negocios e paraxes de toda a comunidade. As casas de turismo rural que contan con esta marca son 26 en toda Galicia, das que só dúas se encontran na provincia de Lugo. Unha delas é a Casa Grande da Ferrería de Rugando, no municipio de Quiroga, que foi dotada con este selo especial no 2005. A outra é Casa Romualdo, en Taboada, que o obtivo este mesmo ano. Á marxe destes dous casos, na provincia hai outros cinco establecementos que recibiron no seu día o distintivo Q: os paradores de Monforte, Vilalba e Ribadeo, o Gran Hotel e o Hotel Balneario de Lugo. Na Ribeira Sacra ourensá tamén pertencen a esta categoría o Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil e o establecemento de turismo rural Casa da Eira, no municipio de Nogueira de Ramuín. Polo que respecta ao sur lucense, o número de hospedaxes rurais acollidas a esta marca de calidade podería incrementarse nun prazo máis ou menos breve, dado que hai varios negocios situados nesta zona que xa solicitaron o ingreso nesta categoría ou que proxectan facelo proximamente, segundo indicou Juan Carlos Prado, presidente da asociación turística Lugosur. Proceso Para obter o distintivo Q é preciso cumprir un proceso que pode ser máis ou menos prolongado, dependendo das condicións en que se encontre o establecemento no momento en que o solicite. O primeiro paso consiste en pedir a adhesión a este programa ao mencionado ICTE. Este organismo entrega aos solicitantes unha normativa que cubre todos os aspectos que poden influír dun modo ou outro na calidade do servizo que ofrece un determinado negocio turístico. Os responsables do establecemento deben iniciar un proceso de autoavaliación para determinar en que aspectos non cumpre esa normativa e levar a cabo as correccións que se consideren necesarias. Nesta parte do proceso, as empresas aspirantes poden contar co apoio de Turgalicia. Unha vez rematados estes pasos, o establecemento deberá solicitar unha auditoría ás empresas autorizadas polo ICTE ou á Asociación Española de Normalización y Certificación (Aenor). En caso de pasar satisfactoriamente esta auditoría, a empresa recibirá a marca Q, pero para conservala deberá someterse a exames anuais. O distintivo Q non só se outorga a instalacións hosteleiras -hoteis, balnearios, casas rurais, cámpings ou estacións de esquí-, xa que tamén o poden recibir as axencias de viaxes, as oficinas de información turística, os servizos de autocares, os campos de golf e incluso as praias e os espazos naturais protexidos.