Catorce concellos lugueses reciben axudas para mellorar o seu comercio

Cristina López

LEMOS

23 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

A 1.483.367,72 euros ascende a cantidade que a Consellería de Innovación e Industria achega para equipar e vertebrar o comercio en varios concellos lugueses. Da distribución destas axudas deu conta onte o delegado provincial da citada consellería, Ramón Cortés, quen destacou que no caso da provincia de Lugo foron atendidas practicamente todas as solicitudes que cumprían os requisitos esixidos.

Dos case 1,5 millóns de euros que se van investir, destaca a cantidade destinada á urbanización da rabadense praza de España, na súa confluencia coa rúa doutor Fleming. Tamén se van facer importantes investimentos no acondicionamento de varias rúas de Burela e do mercado e o campo da feira de Pedrafita. No caso dalgúns concellos, como Viveiro e Lugo, son varias as actuacións previstas ao abeiro destas subvencións.

Dúas liñas

Ramón Cortés sinalou onte que a principal novidade destas axudas é que nesta ocasión se acumulan nunha única achega as subvencións encadradas dentro de dúas liñas: Merca e Urbancomer, cuxa finalidade é adecuar e modernizar os equipamentos comerciais e vertebrar o comercio urbano. Así, a liña Merca ocúpase de financiar estudos e proxectos de mellora dos comercios municipais, a súa construción, reparación e modernización, así como a adecuación dos espazos destinados aos mercados tradicionais e ambulantes. Por outra banda, a liña Urbancomer ten por finalidade o financiamento de diagnoses e estudos para a implantación de planos de dinamización comercial, estudos de mellora e actuacións en centros comerciais de barrio, actuacións en zonas peonís e eixes comerciais, así como a creación de servizos de apoio ao comercio.

No conxunto de Galicia, a Consellería de Innovación e Industria destinará 6.675.000 euros a estas axudas de adecuación e modernización de equipamentos comerciais e de vertebración do comercio urbano, con cargo ás anualidades 2007-2008.

O diñeiro que concede a Consellería de Innovación e Industria acada ata o 70 por cento do investimento necesario para levar a cabo as actuacións previstas. Como se dicía anteriormente, no caso de Lugo case todas as solicitudes presentadas recibirán algún tipo de subvención, dando prioridade sobre todo a aqueles proxectos a desenvolver en zonas rurais.

As actuacións previstas terán que estar executadas antes do 30 de outubro, xa que en caso contrario os concellos en cuestión poderían perder a axuda correspondente. Ao tratarse de subvencións cunha periodicidade de dous anos, a cantidade destinada a cada concello terase que investir repartida neste ano e no 2008. Da cantidade total que se destina a actuacións a levar a cabo na provincia de Lugo, 1.038.000 euros son para este ano e 445.000 para o vindeiro exercicio. En próximos días darase a coñecer a resolución das axudas específicas que o citado departamento concede aos comerciantes e tamén aos artesáns.

Anteriores convocatorias

Hai un ano, o mencionado departamento da Xunta resolvera axudas entre as que tamén se incluían as destinadas á implantación e desenvolvemento equilibrado dos centros comerciais abertos. Nese caso a provincia de Lugo recibira 448.417 euros, a investir nun total de nove concellos: Lugo, Viveiro, Sarria, Ribadeo, Monforte, Chantada, Vilalba, Monterroso e Paradela. Neste caso contemplase a dotación de mobiliario para o centro comercial aberto de Viveiro. En canto á vertebración do comercio urbano, eran oito os concellos beneficiados; mentres que outros sete recibiran subvencións para modernizar equipamentos comerciais.