TRIBUNA ABIERTA
21 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.COMO é sabido, a calidade dun viño ven determinada por tres parámetros: variedade (condicionada á súa vez pola idade das cepas e as prácticas vitícolas, como carga, abonados, tratamentos...), clima e solo (pizarroso, granítico, aluvial...). Pretender que a calidade ven determinada pola forte pendente, como se defende para conceder unha etiqueta especial a estes viños, paréceme unha equivocación. Como consolo para os non merecedores de tal etiqueta din que 'noutros sitios (da Ribeira Sacra) tamén se poden facer bos viños', Por suposto que si: Rioja, Ribera del Duero, Burdeos ou Borgoña non teñen os viñedos en forte pendente. ¿De que vale ter forte pendente se a viña está a unha altitude que fai difícil a maduración, se ten unha orientación onde non lle pega o sol en toda a mañá, ou se a composición do solo non é a axeitada? Teño probado viños de boa graduación provindes de viñedos en forte pendente, bastos e ordinarios; sen embargo, tamén teño probado viños de similar graduación de Quiroga, provindes de uvas de solos pizarrosos, que polos seus aromas, finura e elegancia non creo que podan ser superados -non digo igualados- por outros viños de zonas de forte pendente. Deberiamos defender a contraetiqueta Ribeira Sacra como un todo onde, partindo dunha calidade mínima esixida, a diversidade é enriquecedora. O contrario paréceme unha visión non obxectiva e sectaria. Se ben é certo que, en gran medida, son os viñedos en socalcos os que sustentan a nosa imaxe, temos que conseguir proxectala de outra maneira máiis real e non facendo divisións artificiosas. E xa sen entrar en si nestes intres se dispón no consello regulador do suficiente persoal cualificado para levar a cabo unha labor tan esixente e delicada. Penso que o que se debería priorizar dende o consello regulador son sistemas de control para que se faga unha boa viticultura e para que nas adegas entren as uvas que teñen que entrar. Para que, en definitiva, todo o viño que saia ao mercado coa contraetiqueta Ribeira Sacra sexa o que ten que ser. E que ningén malinterprete as miñas palabras. As medallas e os honores débense gañar no campo de batalla, é dicir, no mercado, ante os consumidores e a crítica especializada. O demais sería xogar con vantaxe. E esta é unha opinión completamente persoal. Posdata. Por suposto que se vai argumentar, quizais dende estas mesmas páxinas, que só se seleccionarán as parcelas situadas na axeitada altitude, orientación e solo, con prácticas vitícolas controladas. ¿Iso vai garantir que o viño vai ser mellor que o que antes describín de cepas sen socalcos, en media ladeira, con suave pendente orientada ao mediodía, e solo maioritariamente pizarroso do meu amigo de Quiroga? Unha cousa é intentar definir pagos e outro moi distinta intentar crear como una primeira e segunda división, encima sen bases obxectivas. Máis ben, penso, erróneas.