Crónica | O partido xudicial de Sarria en 1835 Un total de 24 agrupacións territoriais entre vilas, coutos e xurisdiccións e 148 parroquias formaron fai 170 anos unha unidade integradora. Hoxe son 6 concellos
14 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Trátase dun dos moitos intentos de consolidación do partido xudicial de Sarria, proceso que dera comezo en 1820 coa implantación dos concellos constitucionais e o proxecto da Deputación de Lugo de facer máis axeitada a división, fracasada en 1823, xa que só en 1840 se vería completado o proceso. A demarcación deste partido polo norte principiaba na Ponte de Carracedo, continuaba dando volta polo leste, confinando co partido de Cruzul ata Lóuzara, seguía descendendo polo mesmo lado ata Lousadela confinando co partido de Quiroga, e seguía polo sur a liña divisoria deste partido e o de Monforte ata Reiriz, estremando polo oeste co de Chantada, e separábase do de Lugo polo distrito das parroquias de Loio, Laxe, Friolfe, A Pobra e Lebruxo. Quedaban suxeitas a xudicatura de primeira instancia de Sarria os pobos seguintes: 1; A vila de Sarria (San Salvador e Santa Mariña). 2; As freguesías de Arxemil, Betote, Camiño, A Chanca, Chorente, Corvelle, Farbán, Ferreiros, Fontao, San Pedro San Vicenzo e San Sadurniño de Froián, Loureiro, Lousadela, Maside, Santo Estevo e San Salvador do Mato, Nespereira, Ortoá, Santo André de Paradela, Santa Mariña e San Salvador da Pena, Requeixo, Reimóndez, Rubín, Seteventos, San Xulián e Santiago da Veiga e Vilamaior, parroquias todas estas da antiga xurisdición de Sarria. 3; O Couto de Santa María de Castro de Rei de Lemos. 4; A xurisdición de Paradela: Santa Cristiña, San Vicenzo e San Miguel, Andreade, Santalla, San Facundo de Ribas de Miño, Suar, Barán, Vilaragunte. 5; O couto de Santa María de Vilar. 6; O couto de San Miguel de Goián e Frades. 7; O couto de Meixente. 8; Fafián. 9; Belante. 10; San Martiño de Oleiros. 11; Coutos de Ronfe e Vilambrán. 12; Coutos de San Miguel e San Fiz de Vilapedre. 13; Couto do Castelo dos Infantes con Larín. 14; Couto de Cesar. 15, Couto da Pinza. 16; Couto de Biville. 17; A Pobra de San Xulián. 18; Láncara coa Lama, Toirán e Traslista. 19; Xurisdición de Samos: Samos, Albán, Armea, Barbadelo, Calvor, San Xil do Carballo, Carracedo, Castroncán, O Couto, Estraxiz, Formigueiros, Freixo, Frollais, Galegos, Lier, Santa María de Loureiro, San Martiño e San Romao de Lousada, San Cristovo de Lóuzara, Santa María do Mao, San Romao e San Salvador do Mao, Monseiro, Montán, Pacios de Froián, Santalla de Panaio, Piñeira, San Cristovo e San Martiño do Real, Romelle, Renche, Reiriz, San Antolín, San Martiño de Loureiro, Sivil, Santiago do Souto, Suñide, Teivilide, Toubille, Vilarxoán e Zoo. 20; Xurisdición do Incio: Santa Mariña, A Broza, Foilebar, San Fiz do Hospital, Trascastro, San Miguel e San Pedro. 21; Somoza de Vilouzán: Vilouzán, San Vicenzo de Toldaos, Río, Lagos. 22; Couto de Santo Cidre de Lamas. 23; Couto de Guntín e Canedo: San Miguel e San Cristovo de Canedo, San Paio de Mosteiro. 24; Couto de Rendar e Sirgueiros: Goo, Reboiro, Rendar, Sirgueiros, Santiago de Toldaos e Santa Cristina do Viso. 25; De Saviñao: Reiriz. 26; Do couto de Taboada: Santiago de Aldosende. 27; Somoza de Lemos: Santa Olalla e San Xoán de Bardaos, Castelo de Somoza, A Cervela, A Cubela, Eirexalba, Freituxe, Noceda, Remesar, San Fiz e Santiago de Rubián, Rubián de Cima, Teilán, Tuimil, Vilademouros e Vilasouto. O resultado desta agregación, que ía dos montes de Toirán ao Val de Lemos, é ben diferente da conformación que acabaría tendo o partido xudicial de Sarria cinco anos máis tarde. Hai que sinalar que parroquias como Viance ou San Miguel de Incio acabarían desaparecendo e que na configuración definitiva acabaría o partido gañando terreos polo norte procedentes das vellas xurisdicións de San Pedro e San Xoán de Portomarín (terras de tras Loio e O Páramo) onde perdeu a parroquia de Santalla Alta. Cambios Por leste perderá o coto de San Cidre de Lamas e gañará Cedrón e Vilaesteva de Herdeiros, e polo sur perderá en beneficio de Quiroga o couto de Guntín e Freituxe, e a favor do de Monforte Remesar, San Fiz e Santiago de Rubián, Teilán, Tuimil, A Broza e Reiriz. Agrupadas as parroquias non concellos de Sarria, Samos, Láncara, Rendar, O Páramo e Paradela a comarca entrará na modernidade. En 1835 24 agrupacións territoriais seculares e diferenciadas (vilas, coutos e xurisdicións) e 148 parroquias pasaron a formar unha unidade integradora, o partido xudicial de Sarria, e esas entidades menores acabaron constituindo seis concellos, nun salto cualitativo de percura de racionalización administrativa que 166 anos despois aparecen como unidades pouco operativas e que perviven só pola inercia política e inexplicables intereses e non por razóns de efectividade.