Crónica | Unha iniciativa para o fomento da lectura No servizo de pediatría do centro de saúde de Monforte inagurouse unha pequena biblioteca de literatura infantil, a segunda deste tipo que se abre na provincia
01 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.? centro de saúde de Monforte é desde onte o segundo da provincia -o primeiro foi o de Ribadeo- que conta cunha pequena biblioteca de literatura infantil destinada aos usuarios do servizo de pediatría, que poderán utilizala mentres esperan ser atendidos polos médicos. Na súa inauguración tomaron parte o delegados das consellerías de Cultura e Sanidade, Xoán Xosé Molina e Miguel Ángel Rodríguez, respectivamente, xunto coa xerente provincial de atención primaria, María Josefa Díaz, e a concelleira de Cultura, Alicia Cadarso. O acto celebrouse ao mediodía cun pequeno sobresalto, xa que cando chegaron os delegados o andel instalado na sala de espera de pediatría aínda estaba baleiro. Tras uns instantes de dúbida e nervios, nos que se pensou que o material non chegaría a tempo, anunciouse que os libros acababan de ser entregados nese mesmo instante. Os propios delegados encargáronse de abrir as caixas e de colocar os volumes no estante coa axuda de Olalla Camino, encargada da biblioteca municipal monfortina. Molina explicou que a iniciativa se inscribe nunha serie de campañas da súa consellería para fomentar o hábito da lectura en todos os ámbitos da vida cotiá, tanto entre os nenos como entre os adultos. O programa Lendo espero , segundo precisou, segue a mesma liña que a campaña Palabra na solaina , que consiste en distribuír libros galegos nas casas de turismo rural e que se puxo en marcha recentemente, entre outros lugares, na comarca de Sarria. «Por agora este servizo só existe en dous centros de saúde da provincia, pero a nosa intención é que todos os centros de saúde cheguen a contar con el», engadiu Molina. «Parécenos máis interesante ofrecer libros para que os nenos se distraian lendo mentres están na sala de espera que poñerlles un televisor», comentou pola súa parte Rodríguez. Títulos recentes Os nenos -e tamén os pais, por suposto- que acudan desde agora ao servizo de pediatría do centro monfortino disporán de varias decenas de obras recentes de literatura infantil en galego, entre os que figuran títulos tan coñecidos como os da serie Os Bolechas ou Fiz e os biosbardos . Alicia Cadarso sinalou que a biblioteca municipal de Monforte se encargará de valorar a resposta que teña esta iniciativa entre os usuarios do centro de saúde e de repoñer os libros que se deterioren en caso de que sexa preciso. «Os libros quedaranse aquí de forma permanente, ata que estean totalmente desgastados polo uso. E oxalá que teñan moito uso», indicou a este respecto Molina.