A experiencia da Irmandade

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Sarria e Mûr-de-Bretagne fan intercambios dende 1998 Os xoves teñen unha presenza moi importante neste xemelgamento, o que favorece que o proxecto sexa máis enriquecedor e dinámico para as dúas localidades

13 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando en 1998, coa sinatura do protocolo de Irmandade, se viron culminadas as xestións iniciadas anos antes para formalizar o xemelgamento entre a Comunidade de Comunas de Guerlédan (Bretaña francesa) e Sarria, abriuse unha experiencia enriquecedora e ilusionante, que permite a intercomunicación entre dúas comunidades tan lonxanas entre si, mais con moitos puntos de coincidencia, en canto a dinamismo e participación cidadá. Dende entón teñen sido moi diversas as ocasións para a convivencia e para o intercambio, pois en anos alternos familias de cada unha das comunidades fan acollida mutua, ao tempo que se establecen contactos técnicos e políticos entre representantes das dúas localidades. Participación dos mozos Non menos interesantes son as convivencias en familias de rapaces bretóns e sarriaos que para coñecemento do francés e do castelán pasan varias semanas en centros de atención pública, complementando ese coñecemento coa organización en Mûr-de-Bretagne de cursos de castelán ó longo de todo o ano, mentres que en Sarria, neste ano 2005, baixo a organización de Peleriños e coa colaboración dunha moza muresa, Amélie Auffret, se organizaron neste verán, por vez primeira, clases de francés. O proxecto de colaboración entre centros de ensino, polo de agora, non pasa de intento, mais con boa vontade debería dar lugar a unha experiencia viva e enriquecedora. Os sucesivos alcaldes de Sarria (Corral Guitián, Garrido Martínez e García López), numerosos concelleiros de todos os grupos, profesores e industriais da localidade, teñen estado presentes en Guerlédan, tomando contacto coa realidade social e económica dun cantón dinámico que nas comunas de Mûr, Caurel, Saint-Gilles Vieux-Marché, Saint-Connec e Saint-Gwen, amosoulles logros significativos en industria, medio ambiente e limpeza, florecemento e embelecemento das vilas, organización de actividades de tipo cultural e de lecer, ao tempo que de primeira man coñeceron a amplitude de miras en materia turística que Guerlédan presenta no aproveitamento dos seus recursos, en especial coa posta en valor do encoro de Guerlédan, no río Elavet, con numerosos camping, áreas recreativas e centros vacacionais. Acollida en Sarria Neste ano 2005 correspondeulles aos sarriaos recibiren a embaixada de perto de cincuenta guerlediáns, que foron acollidos por vintecinco familias da comarca de Sarria. Na programación de actividades ademais da Asociación de Irmandade Sarria-Guerlédan, colaboran Peleriños, La Unión, a CIGA, concellos de Sarria e Samos, profesores de francés dos institutos da vila e as familias de acollida que durante seis días reciben nas súas casas ós visitantes e acompáñanos no desenvolvemento da programación. Explotacións agrarias Nesta edición das Xornadas Convivenciais, que contan coa axuda económica da Comisión Europea a través da Dirección Xeral de Educación e Cultura, os visitantes guerlediáns tomaron contacto coa actividade pizarreira e coas explotacións agrarias especializadas e de agricultura biolóxica, e os recursos turísticos da comarca, o que lles permitirá ter unha visión da evolución e futuro deses sectores, pois o Pays de Guerlédan é eminentemente agrícola, gandeiro e turístico, iso si, cun proceso de concentración parcelaria de moitas décadas atrás, o que lles permite alcanzar cotas de prosperidade moi altas. Sen dúbida, no cadro da Unión Europea, os intercambios entre cidades e comunidades permiten consolidar novos xeitos de coñecemento e de colaboración, reforzados pola alta participación de xente moza neste proxecto (uns trinta participantes guerlediáns na programación 2005 son menores de 30 anos). Decoración con flores No ano 2004 estableceuse un xeito de colaboración entre Mûr-de-Bretagne e Sarria no que sería moi conveniente afondar, de maneira que responsables políticos, técnicos e cidadáns se visen implicados na potenciación do embelecemento con flores, un aspecto sumamente coidado en Bretaña, malia as dificultades climáticas, e só agora nuns comezos tatexantes na nosa localidade... Todos temos tanto que aprender! Seis días de convivencia cos delegación bretona, presidida polo alcalde de Mûr-de-Bretagne, Alain Auffret, cuxa familia está acollida na casa duns veciños de Sarria, axudarán a que os elos de amizade e colaboración entre as dúas comunidades teñan un novo reforzo e consoliden en amizade sincera que se iniciou no 1998. E cando no ano 2006, unha cincuentena de veciños de Sarria se despracen ás terras de Guerlédan, darase un novo paso no tender pontes de solidariedade e comprensión entre comunidades lonxanas no espazo mais con moitos puntos en común. Son moitos os concellos galegos e comunas bretonas que están irmandadas, e dun tan efectivo camiño para a concordia e o entendemento só bos frutos se poden recoller.