Crónica | Román Díaz de Freijo Foi escritor, poeta, músico e prestidixitador, e moitas das súas obras estreáronse no Casino de Sarria e foron aplaudidas por un numeroso público
26 mar 2005 . Actualizado a las 06:00 h.Don Eduardo Lence Santar y Guitián, que pasou moitos anos da súa mocidade en Sarria, onde tiña vencellos familiares e de amizade, adicou en 1946 unha sentida homenaxe á memoria dun sarriao, hoxe non ben coñecido, que foi don Román Díaz de Freijo. Segundo o ilustre cronista mindoniense sabemos que don Román Díaz de Freijo naceu o 22 de novembro de 1967. Era fillo de don Manuel Díaz de Freijo e dona Carmen López Dorado, neto paterno de don Juan Díaz de Freijo, liquidador de hipotecas, e materno de don Juan López Yáñez, escribano en Sarria. Don Manuel, cultísimo avogado, foi deputado provincial e estivo proposto para gobernador civil de Luzón (Filipinas), cargo que non aceptou. Foi promotor fiscal de Padrón. Era de fácil e elocuente palabra, de finos modais e un namorado de Galicia. Amigo íntimo do grande escritor, xornalista e poeta lucense Aureliano J. Pereira. Irmán de don Román era o que tamén foi noso, Bienvenido, autor de El despacho del docto r, e de outras obras teatrales, grande versificador. Cursou don Román o bacharelato en Lugo e máis tarde foi oficial de administración subalterna de Sarria. Bastantes anos despois ingresou en Facenda, en Lugo, onde se xubilou o 14 de febreiro de 1941. Escritor, poeta e músico, escribiu as obras seguintes, todas elas representadas varias veces no Casino de Sarria, en medio de aplausos: En 1904, El anticuario , pequeno paso cómico lírico, en un acto e en prosa; en 1909 Protección fatal , drama en un acto e en prosa; en 1916 La banda municipa l, xoguete cómico lírico, en dous actos, e Aves nocturnas , película cinematográfica, nun acto, e en 1926, O superstizoso , zarzuela en tres actos. Para a Banda municipal e O superstizoso , don Román tamén compuxo música. Piano e harpa No Casino de Sarria, onde don Román foi varias veces querido presidente, organizou e dirixiu el mesmo varias veladas teatrais musicais e grandes bailes representando papeis na maior parte delas e tocando en todas piano, e en algunha a harpa. E en Sarria, durante anos dirixiu coros de mozas para cantar nas Flores de Maio, pola Concepción e outras festas relixiosas. Aínda parece que estamos vendo ensaiar un coro de mociñas, do que formaban parte Carmen González Pérez, Alvina da Pedreira e Severina Saco, excelentes cantoras, na antiga escola de nenos, no ano 1897, para a festa do apostolado da oración. Como tiña boa voz, pertencera, sendo aínda moi novo, ao inolvidable Orfeón Sarriao, fundado e dirixido polo entusiasta capitán de orixen mallorquín don Pedro Lliteras, que foi quen lle ensinou música, así como a outros sarriaos, entre os que se acha o mestre e querido amigo da infancia Luis Carrozas Saco. Era tamén don Román un bon prestidixitador, que facía numerosos e variadísimos xogos. «En Mondoñedo casou con dona Artura Ralero Rego, e en Mondoñedo permaneceu dende que se xubilou téndolle verdadeiro cariño» (solto de prensa de Eduardo Lence Saltar y Guitián, Mondoñedo 5-12-1946). Tamén unha película Por referencias de prensa, por programas das actuacións teatrais e algunhas fotografías, gardadas no arquivo comarcal, sabemos do labor de don Román Díaz de Freijo, mais toda a súa obra (que dicir dunha película, Aves nocturnas, en 1916. ¿Haberá algunha copia?) lévanos ao tempo no que o Casino de Sarria e o seu grupo de nenos con afeizón teatral, animaban a vida social e cultural da vila. Sen dúbida, poder recuperar algo da obra de don Román, e tamén da producida polo seu irmán Bienvenido, sería motivo de orgullo para todos os sarriaos. Para falar da vida e da obra de don Román, nada mellor que as palabras que seu amigo Lence Santar lle adicou e que arriba transcribíamos. Se se poidese recuperar o seu labor literario, poderíamos coñecer mellor a un sarriao exemplar, que marcou época.