Crónica | O papel da familia Saco en Sarria Membros desta saga formaron parte activa da vida social e política da vila con papeis de grande importancia en momentos cruciais da historia local
09 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Por perto de 70 anos a política loal de Sarria xirou derredor da familia Saco, que, en realidade veu encher o oco deixado pola familia Saavedra (da Casa Grande) quen ó entroncar coa dos Somoza de Laiosa perdeu importancia no control da vila, once mantivera a súa preponderancia desde finais do século XVI, xa que a aposta da nova liña dos Somoza polo carlismo non favoreceu o liderato destes nos convulsos tempos da segunda metade do XIX. Aparece como primeiro representante da familia Saco en Sarria don Manuel Saco Quiroga (5-10.1822), médico natural de Mouricios e veciño de Santa Mariña de Sarria, entroncado por casamento coa tamén fidalga familia dos Pradeda, con casa en Sarria e en San Salvador do Mato. Foi médico facultativo de Sarria (1871) e inicia na Restauración o proceso ascendente da familia, exercendo activa influenza sobre o concello e comarca, pola relevancia social da súa función, e a súa colaboración cos elementos políticos provinciais, estando sempre detrás e como inspirador da alternancia política a nivel local. Presenza veada Un dos seus fillos, don Manuel Saco Pradeda, que pos casamento entronca cos Rivera da Casa do Barrio, foi avogado, xuiz municipal, ocasionalmente, e representante do omnipresente Pepe Benito nas actuacións políticas das primeiras décadas do século XX. Combativo, máis verbal que eficazmente, no periodo de Primo de Rivera, seguirá manexando os fíos da política local, cunha presenza intuída e velada, aínda que non con participación efectiva nos foros. Nos convulsos meses previos o alzamento militar o seu compromiso coa CEDA e os enfrentamentos e desacordos co concello xurdido en 1936, suporán a posta en tea de xuizo da política de dereitas, que culmina co apedramento da Casa Saco e a destrucción do mobiliario do Casino, que deron lugar a varias causas xudiciais contra varios sarriaos de esquerdas. A preponderancia da Falanxe, que verbalizaba contra a política caciquil e se presentaba como un novo xeito de facer política, restoulle importancia a nivel local, se ben, a traveso da actuación do seu fillo Manuel Saco Rivera, en Burgos, mantivo colaboración coas autoridades do novo estado. Faleceu o 14-4.1937. O seu irmán, don Pedro Sacro Pradeda, foi médico de asistencia domiciliaria, destacando pola súa filantropía e actuación médica nada interesada, facéndose acreedor do agradecemento dos sarriaos, que na década dos 50 lle adocaron a rúa que se construiu na Corga de Vales. Faleceu, solteiro, o 27-11-1939. Frade mercedario Outro dos irmáns Enrique Saco Pradeda profesou como frade mercedario e morreu asasinado en Madrid en 1936 nas primeiras semanas da Guerra Civil e está enterrado no mosteiro de Poio xunto con outros mercedarios da provincia finados nese tempo tamén en tráxicas circunstancias. Está a se instruir proceso para a súa beatificación. Un dos fillos de don Manuel Saco Pradeda, don Manuel Saco Rivera, foi avogado e diputado en Cortes pola CEDA na II República. Autor de algunhas pezas teatrais e deportista, participou de xeito moi activo en diferentes campañas políticas. Faleceu o 28-08-1938, como consecuencia de asasinato en atentado político de oscuras motivacións cando foi abatido a tiros o saír do Casino, estando para entrar na casa familiar, suceso que ten sido obxeto de múltiples especulacións, sen que falanxistas, con autoría e inducción probadas, chegasen a ser explícitos, en orde a explicar unha causa, sendo a súa morte o que en definitiva supuxo o ocaso de participación política da familia Saco na vida local. Mercedes Saco Rivera faleceu o 18-1-1991. Finalmente don Francisco Javier Saco Rivera foi o derradeiro membro da familia Saco. El foi quen impulsou a parcelación dos terreos da Poula e das Ínsuas, dando lugar a aparición dos chamados Barrio Novo e Barrio das Ínsuas. Mativo a propiedade da Casa de Carrigueiros en Lugo, e residiu a maior parte da súa vida en Madrid, con estancias habituales en verán e outono na casa familiar da rúa Maior, tempo no que mantiña activa presenza nas tertulias do Casino de La Unión. Ao se extinguir o Casino recuperou a plena propiedade do vello local social. Faleceu en Sarria o 31-8-2004, casado con dona Inés García de Piedra e sen descendencia. Os diferentes membros da familia Saco (non confundir coa outra familia Saco da que xurdiron don Francisco e don Jesús Vázquez Saco) encheron e guiaron a vida política durante a Restauración, a dictadura de Primo de Rivera e a II República en Sarria. Foron árbitros indiscutibles da comarca, aínda que non tivesen figurado nas relacions capitulares nin nas funcións edilicias.