Crónica | Particulares ofrecen aloxamento sen licencia O gran número de visitantes desperta a codicia dos habitantes dos lugares polos que pasa o Camiño. Algúns saen ao paso dos camiñantes para albergarlos nas súas casas
03 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.Dende mil anos atrás a coñecida obra de misericordia: «Dar pousada ao peregrino» veu sendo practicada na terra de Sarria con total fidelidade ao mandamento evanxélico, e así campeaba fachendosa a inscripción Hospes fui et collegistime que escoitaremos na tremenda hora do xuízo final, esculpida na fronteira do desaparecido Hospital de San Roque, onde os madalenos acollían aos peregrinos que ían para Compostela. A sementeira do xesto da caridade e a acollida ergueu no treito sarriao da Estrada das Peregrinacións os hospitais de A Aguiada, San Cosmede do Carballal, Santo Antón de Sarria, Santa María Madalena ou San Roque de Sarria, San Lázaro, Santa Marta, Barbadelo e Goián, onde non faltaban teito, xergón de palla, lume e sal, cando non esmola e vianda. Pasaron os anos e o lume prendido polo labor recuperador de don Elías Valiña Sampedro, o feito das peregrinacións achou novos xeitos de acollida. E aquí en Sarria volvemos a ser pioneiros. Por un lado o alcalde Eugenio Quiroga Vázquez converteu, gratia et amore, a vella prisión preventiva, nun flamante «Albergue nº13», que fixo a delicia de moitos peregrinos alemáns que, acollidos naquel esparaván, rompíanse a cabeza tratando de descifrar as inscripcións deixadas polos presos no cal das paredes. E máis adiante foron os mercedarios quen adaptaron un espacio, con liteiras conseguidas por Tonecho Viñas na Granxa de Barreiros, para albergar con maior decencia a cantos andaban pola ruta xacobea e chegaban a unha Sarria chea de historia, e orfa de atencións oficiais. Dito con total rotundidade: gracias ao empeño dun alcalde e á boa disposición dos relixiosos mercedarios, Sarria empezou a recuperar a tradición xacobea de dar pousada ao peregrino. E cando convertida a peregrinación nun fenómeno de masas, a Sarria lle foron concedidos tres albergues promocionados pola Xunta de Galicia (Calvor, Rúa Maior 79 e Barbadelo), ben dotados e de acollida gratuíta, semellaba que se poideran ter alcanzado todas as metas. E o caso foi que axiña pasaron a ser insuficientes, e houbo que solicitar do exército a concesión de grandes tendas de campaña, abrir ós peregrinos os pavillóns municipais e os dos colexios da Mercede e da Asunción, e mesmo permitir ocupación no Chanto e no Campo da Feira. E agora, cando o número de peregrinos vai en aumento, e xa se abriron hoteis, hostais, fondas e casas de turismo rural, cunha calidade e cantidade nunca sospeitadas, un novo xeito de demanda trae a promoción de albergues de peregrinos promovidos por particulares. Sentido xacobeo A Rúa Maior recobra así o inicial sentido xacobeo da man dos albergues abertos na antiga Casa Grande (familia Gudín) e na Casa Carballeira, e que van ser seguidos por outro na Casa Guerra (nº10). Na Rúa Conde de Lemos funciona outro albergue, e está en obras un máis, moi preto de A Aguiada. E para redondear a oferta abrirá as súas portas un camping, non lonxe de onde estivo o Hospital de San Cosmede do Carballal, que permitirá acoller viaxeiros, turistas e peregrinos en réxime de acampada, en casiñas ad hoc ou nas propias caravanas. Semella que esteamos diante dun bing bang creativo, ao que non é alleo o feito de estar Sarria no quilómetro 111 (fermoso e máxico número), circunstancia que permite alcanzar a Compostela pola breve. E con todo o problema da acollida, segue a se presentar, e desde o bando de quen relixiosamente pagan impostos e acondicionan casas e edificacións para acoller peregrinos, vese con natural preocupación que haxa quen se adican a «cazar a lazo» peregrinos para casas particulares, onde a antiga misericordia obra de dar pousada ao peregrino se converte (euro mediante) nun xeito de achegar fondos para quentar a almofada na invernía. Xa ninguén dá pousada sen pagar (agás a Xunta, que nos pasa a conta a todos nós) e neste caso hai que estar do lado dos profesionais do sector que arriscan o seu diñeiro e apostan pola dinamización e a calidade, e xusto parece que ninguén lles veña arrincar mollos da súa meda. Cómpre pois que as autoridades abran os ollos e non toleren esas captacións tendenciosas ou aproveitadas. Dar pousada ao peregrino xa vai máis aló do caridoso e asistencial, para entrar de cheo nas políticas de turismo. Doutro xeito de turismo, diferenciado das grandes canles, trátase máis dun turismo que demanda seriedade, atención, profesionalidade, calidade e claridade.