Unha corrente con título

Xaime López Arias SARRIA

LEMOS

Crónica | Presencia do río Sarria nas enciclopedias (II) Este afluente deu nome o Condado Sarrinense, según recolle un documento datado no ano 572, referido o Concilio celebrado en tempo de Teodomiro II

21 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O Diccionario Madoz (1845) refírese a Láncara dicindo: Láncara está situado (municipio) en terras regadas polos ríos Neira, Amiela e Sarria, así como o Neira, que enriquecido coas do Tordia, Armeá e Sarria corre polo S. de Cerdeda. Na Gran Enciclopedia Galega descríbese así o río. Sarria: río lucense de 57 kilómetros de lonxitude, que nace na Serra de Oribio, da confluencia dos arroios Valdescuro e Santalla, na parroquia de A Balsa (Triacastela). Baña as freguesías de San Cristovo e San Martiño do Real, Renche, Couto, Samos, Castroncán, Pascias, Reiriz, Romelle, Extraxiz e Vilapedre (Samos), Calvor, Lier, Castelo dos Infantes, Fafián, Reimóndez, Farbán, San Salvador e Santa Mariña de Sarria, Requeixo, Betote, San Xulián e Santiago da Veiga, Mato e Rubín (Sarria), Vilambrán e Ronfe (Láncara) e Vilafiz (O Páramo), e forma o límite natural entre O Páramo e Láncara ata a súa desembocadura por A Pobra de San Xulián, na marxe esquerda do río Neira. Os seus afluentes pola dereita son os arroios de Lourlán Mogo, Navares, Portocelo, Ferreiros, O Toxo e As Cabanas; e pola esquerda os de Ribeira, Abreiral, Covallo, Nanda, A Ferreira, Vilar, As Chousas, As Laias, Pequeno, Betote e Crecente. É o río que deu nome a un condado suevo segundo recolle o documento datado en 572, referido o Concilio que se di celebrado en tempo de Teodomiro II, no que hai as seguintes referencias ao río Sarria. O Condado Sarriense, que recibe o nome do río. O cuarto condado é o de Sarria e vai por Pea Maior, Pando, Monte Narón, Meizarán, O Cebreiro, Padornelo, Pena Cabalar, a Fonte do Búmua (corre por este río ata a ponte de Vilafranca), e todo o de Valcárcel e da Diócese de Lugo, ata que entra no Sil, e ven a Pena Aguiara, ata o monte das Xestas. O quinto condado O Condado Paramense, que recibe o nome do Monte Páramo. O quinto condado é Páramo, e ten dende onde entra o Sarria no Neira, Pena Aguiar, Castro Pedroso, Monte Maside, Froián, Montes Moroso e Agudo, ata Queiroga. Pola outra parte vai por Salvadur, Castro de Chavaga, Pedroso, Baamorto, Pena Aguda, Castro da Guítara, ata o río Sil, na Barca de Pombeiro. Tamén no Tombo de Samos son moi numerosas as citas do río Sarria. A súa cabeceira refírense, entre outros, aos documentos que se recollen aquí. Primeiro: 27 de xuño do 1002. Pexito e Espasando, monasterio Samanus, secus fluvium Sarriae, subtus Monte Eribio, per terminum de río de Sarria (San Breixo de Triacastela). O mosteiro de Samos, na beira do río de sarria, baixo do Monte Oribio, polo termo de río de sarria (río de Sarria era entón o nome que recebía San Cristovo do Real). Segundo: 14 de outubro do 1053. Munio iustiz, ripa fluuii sarriae, cimiterio samanos, sub alpe Eribio, per terminos de Lauzarela, per terminos de Sarria, per terminos de mone Serio, per terminos de Navia (demarcación de Triacastela). Na ribeira do río da Sarria, o mosteiro de Samos, baixo do Monte Oribio, polos termos de Louzarela, pola extrema de Sarria, pola extrema do Monte da Meda e polo termo de Navia. Terceiro: 24 de marzo do 1080. Onega Vermudez, villam quam dicunt villarci, territorio sarriae, loco predicto Triacastela . A vila que chaman Vilarce, no territorios de Sarria, no lugar antedito, Triacastela, Vilarce, baixo do monte da Albela (Triacastela). As referencias o curso do río Sarria en terras de Triacastela onde están as diversas fontes do río Sarria, e Samos, aparecen centradas nestes tres exemplos, nos lugares de San Cristovo do real, San Breixo e Vilarce, na bacía superior do río, e como claros definidores dun cauce individualizado e ben concreto que chega a dar nome a unha terra e a un condado medievais.