Os responsables municipais contan poder levar a cabo todo o proceso nun prazo de catro ou cinco anos A rehabilitación das vivendas complementará a obra realizada no castelo
16 oct 2003 . Actualizado a las 07:00 h.O Concello quirogués proxecta levar a cabo unha rehabilitación integral de Torrenovaes a fin de favorecer o aproveitamento turístico-cultural desta pequena localidade que durante séculos foi a sede da Encomenda de Quiroga, gobernada pola Orde de San Xoán de Xerusalén. Os responsables municipais manterán uns encontros cos veciños para falar sobre a posibilidade de rehabilitar as fachadas das vivendas e de eliminar os elementos discordantes coa arquitectura tradicional. O proxecto, segundo as previsións do goberno local, podería realizarse de forma progresiva en catro ou cinco anos. O núcleo está formado por unha vintena de vivendas. «O que pretendemos é facer unha restauración integral como a da Seara, só que aquí non contaremos as axudas do Leader Plus e teremos que ir pouco a pouco», sinala o alcalde Julio Álvarez. «Utilizaremos as axudas que consigamos da Xunta e os nosos propios recursos, pero antes hai que consultar a Patrimonio e obter os permisos necesarios», agrega. Na actualidade está a realizarse no castelo de Torrenovaes unha obra de reparación que deberá estar terminada o 15 de novembro e que foi financiada con 150.000 euros pola Consellería de Cultura. A última parte dos traballos consiste en colocar pasarelas e varandas de madeira para facilitar o percorrido polo interior da histórica construcción. O Concello ten previsto ademais mellorar os accesos ó conxunto ?só está empedrado un dos dous camiños que soben ó castelo? e instalar unha iluminación artística formada por doce focos instalados no chan.