Terra Adentro As festas patronais desta parroquia chantadina abríronse onte coa tradicional feira de gando caprún, a cal celébrase xusto antes do comezo das vendimas na Ribeira
16 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.As festas do San Cibrao de Merlán comezan igual dende hai anos, coa tradicional feira de cabras. Este ano, a comisión organizadora, dirixida polo presidente da asociación de veciños José Luis Janeiro, insistiu de novo en non perder o costume. Os motivos da súa celebración, nunha parroquia na que non existe precisamente tradición cabreira, ten máis que ver coa vendima e co viño novo. En tempos nos que os camiños das ribeiras do Miño non tiñan as estradas e pistas actuais, a pel das cabras empregábase como contenedor do viño para subilo dende as cubas instaladas nos casetos das ladeiras. Estas peles resultaban moi cómodas colocadas nas costas e podían ter a capacidade dun ou varios canados de viño (cada canado son 42 litros). A carne do animal solíase salgar e consumir cocida no tempo de vendima, que normalmente non era tan cedo como esta temporada. Na feira de onte houbo pouco máis de vinte cabras á venda pero algún dos veciños de Merlán, como Fernando García, recordaron os tempos nos que se reunían no campo da festa entre 60 e 70 animais. Esta tradición de vender as cabras cúmprese sempre o 16 de setembro, dende sempre primeiro día das patronais da parroquia. Hoxe e mañá haberá máis música de banda, charanga e orquestra. A festa continúa pero iso si, sen as cabras. Durante o verán hai a quen lle dá por aprender cousas novas, como os cursos de buceo que se celebran en Viveiro. No último destes cursos participou un grupo de lucenses entre os que estaba Noelia Armas (no centro da fotografía) quen traballa en Sarria. O resto dos seus compañeiros son Manuel, Héctor, Jesús, José Luis, Ángeles e Miguel.