Papá Noel queda sen casa

> Paco Franco del Amo

LA VOZ DE LA ESCUELA

O quecemento global fará que o Ártico estea completamente desxeado no 2050 durante todo o ano
O quecemento global fará que o Ártico estea completamente desxeado no 2050 durante todo o ano US DEPARTMENT OF DEFENSE

Novos datos confirman que a extensión de xeo ártico se reduce cada ano

01 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

De ter lugar hoxe, a conquista do Polo Norte sería moito máis fácil e podería realizarse en barco. A extensión de xeo mariño no océano Ártico durante o 2016 foi a máis reducida desde o ano 1979, que foi cando comezou a medirse utilizando satélites. Desde entón, a superficie xeada do Ártico foi diminuíndo a un ritmo de entre un 9,4 % e un 13,6 % por década. Os científicos calculan que, de seguir así, o océano xeado deixará de selo, por completo e durante todo o ano, no ano 2050. Para velo completamente libre de xeo non haberá que esperar tanto: é moi probable que suceda o próximo verán.

A publicación do estudo sobre o xeo do Ártico coincide con outra marca sen precedentes. Segundo a Organización Meteorolóxica Mundial, 2016 foi o ano máis cálido desde os primeiros rexistros en 1880 e o terceiro ano consecutivo en que a temperatura media global supera á do ano anterior, algo que xamais sucedera. Ambos os datos serviron para avivar a polémica suscitada pola postura do novo presidente estadounidense sobre o quecemento global. Donald Trump chegou a dicir que podería chegar a retirar ao seu país do acordo de París sobre o cambio climático, o que reduciría moi considerablemente a súa eficacia, tendo en conta que Estados Unidos produce preto do 15 % dos gases de efecto invernadoiro (China produce un 25 % e a Unión Europea un 10 %).

Os xeos do Ártico minguan cada vez máis porque todo o círculo polar se está quentando a un ritmo dúas veces máis rápido que o resto do planeta. A circulación atmosférica alterouse considerablemente e arrastra grandes masas de aire quente cara ao polo norte. Algo parecido sucede coa circulación oceánica: durante os últimos anos foise modificando e cada vez transporta maiores cantidades de auga quente desde o Atlántico norte ata o Ártico. O quecemento do círculo polar Ártico non só afecta á superficie xeada do océano, tamén está a ter consecuencias noutros lugares do mundo. Por exemplo, o desxeo dos glaciares de Groenlandia, que é un dos fenómenos que máis afecta á subida do nivel do mar, iníciase cada ano máis pronto e de forma máis súbita. Tamén se están vendo afectadas a circulación e as correntes oceánicas a escala global, o que produce cambios significativos no clima e a bioloxía das especies mariñas a escala local.

Montañas flotantes

A través do Ártico, e sobre todo no verán, navegan enormes icebergs que se desprenden dos glaciares das costas de Groenlandia. Algunhas destas montañas flotantes (é o que significa a palabra «iceberg» en neerlandés) poden chegar a medir ata 50 metros de altura e varios centenares de metros de lonxitude.

Dado que a porción mergullada representa máis de tres cuartos do volume total, constitúen un gran perigo para a navegación. A raíz do afundimento do «Titanic», nas paraxes do Gran Banco de Terranova estableceuse un servizo de vixilancia e seguimento de icebergs que aínda perdura.

O océano menos profundo

O Ártico é o menos profundo dos océanos porque un terzo da superficie total do seu fondo está ocupada por amplas zonas de plataforma continental. Arredor das costas de América do Norte, a anchura da plataforma varia entre os 80 e os 200 quilómetros, pero fronte ás costas de Asia pode chegar a alcanzar 1.600 quilómetros.

Orixe do nome

Os antigos gregos déronse conta de que a medida que se viaxaba máis cara ao norte a Osa Maior e a Osa Menor atopábanse máis altas no ceo. A palabra grega para dicir ‘oso’ é «arktos». Por esa razón chamaron ao océano do norte Arktikos, nome que chegou ata nós como Ártico.

O océano Ártico

Extensión: 14.089.600 quilómetros cadrados

Volume: 16.980 quilómetros cúbicos

Profundidade media: 1.300 metros

Profundidade máxima: 5.453,4 metros (chaira abisal do Polo)