Ponse en marcha o protocolo Lingua Vital para reverter a «emerxencia lingüística» que sofre o galego
GALICIA
Ducias de entidades ratifican en Santiago este documento que conta con centos de medidas a aplicar
14 mar 2026 . Actualizado a las 17:37 h.A praza da Quintana de Santiago serviu como escenario para a ratificación en asemblea do protocolo Lingua Vital, elaborado por 57 entidades de distintos ámbitos e co apoio doutros centos delas. Trátase dun documento para reverter a situación de «emerxencia lingüística» pola que atravesa a lingua galega. O voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, lembraba ao inicio deste acto que o Instituto Galego de Estatística certificou hai ano e medio o que levaban denunciando moitas entidades, «que estamos nunha situación de verdadeira emerxencia lingüística». No canto de promover a lingua galega, acusou Maceira, a Xunta leva anos facendo todo o posible para reverter a oficialidade da lingua galega, e puxo o foco en votacións do Parlamento nas que o PP se puxo en contra de levar o galego ás notarías, xulgados, xestorías, ou o boicot a esta lingua para que tivese voz propia na Unesco ou a UE, «unha serie de medidas que bateron récords en contra da oficialidade da lingua galega».
Contra isto, 57 entidades levaron a cabo un protocolo con medidas a aplicar que este sábado se ratificaron nunha asemblea. Agora comeza a fase de «executar estas medidas» entre as que se inclúen, por exemplo, garantir a máxima docencia en galego en todos os niveis educativos, promover o uso da lingua en todos os ámbitos ou buscar novos falantes. «Son medidas que van provocar un movemento a favor do galego e unha acción desde a propia sociedade a favor da lingua. O pobo galego non vai ficar á espera do que faga a Xunta», rematou Maceira.
O acto arrincou coa intervención de tres dos coordinadores dos grupos de traballo, Celia Armas, Mónica Fernández e Xosé Henrique Costas, mentres que David Minoves, presidente do Ciemen (Centro Internacional Escarré per a las minorías étnicas i nacionals), interveu como membro da entidade promotora da Declaración universal dos dereitos Lingüísticos. A Creadora de contido Sara Seco foi a encargada de conducir un acto no que o grupo Caamaño e Ameixeiras puxo a nota musical.