Medio cento de entidades sociais presentarán o sábado un protocolo para mellorar a situación do galego
GALICIA
O documento, elaborado baixo o paraugas da plataforma Queremos Galego, conterá medidas para promover o uso do idioma en todos os ámbitos sociais
12 mar 2026 . Actualizado a las 17:44 h.Máis de medio cento de entidades sociais galegas de diferentes ámbitos daranse cita o sábado na compostelá Praza da Quintana para celebrar unha asemblea na que presentarán un protocolo con medidas ante o que chaman «emerxencia lingüística». O acto foi presentado este xoves polo voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, que explicou que o documento, que parte dos obxectivos fixados polo Plan Xeral de Normalización Lingüística, se distribuirá a todos os participantes na asemblea.
O protocolo concretará medidas que buscan comprometer as institucións públicas para comezar a «reverter a situación de emerxencia lingüística» e busca que as entidades sociais traballen xunto ás institucións «nunha dirección común» para promover o uso do galego en todos os ámbitos, sumar novos falantes e manter «os que xa a empregan sempre». Ademais, o informe recollerá unha avaliación do impacto das normas saídas do Parlamento para «evitar que se aproben disposicións que atacan a oficialidade do galego».
«Se a Xunta nolo plaxia enteiro, para nós sería o maior éxito», asegurou a coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, que reivindicou que as entidades vense obrigadas «a traballar a favor» da lingua se a Xunta non fai o seu traballo. A asemblea, que terá lugar na Praza da Quintana, estará amenizada polo grupo Caamaño e Ameixeiras e contará coa intervención dalgúns dos grupos de traballo que elaboraron os protocolos recollidos no documento.