Un cento de representantes municipais comprométense co galego e chaman a mobilizarse o vindeiro 17 de maio

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

O voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, mostra, xunto á xornalista Tereixa Navaza, a declaración en favor da lingua asinada por un cento de representantes municipais
O voceiro da plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, mostra, xunto á xornalista Tereixa Navaza, a declaración en favor da lingua asinada por un cento de representantes municipais SANDRA ALONSO

Alcaldes e edís de varias formacións de esquerdas asinan un documento no que demandan que se cumpran as leis de normalización lingüística e reclaman que se garanta a «presenza plena» do galego nas institucións e na vida cotiá

10 may 2025 . Actualizado a las 16:49 h.

Máis dun cento de alcaldes e edís de concellos galegos asinaron unha declaración co obxectivo de «corroborar e afirmar» o seu compromiso coa lingua galega. Fixérono nun acto celebrado este sábado na Alameda de Santiago, no que participaron representantes municipais do BNG, PSdeG, Compostela Aberta, APIN, Movemento Salceda, Sada maioría e Alternativa dos veciños.

A encargada de ler o documento foi a xornalista Tereixa Navaza, que comezou a súa intervención asegurando que o acto é «en representación aos do si». «Aos que si queremos mellor galego, aos que queremos máis parte da cidadanía que diga non a Altri e máis cidadáns que si queiran un mellor ensino público e unhas mellores universidades», afirmou.

«A lingua galega é a nosa principal obra colectiva de garantía, de seguridade, de identidade e de prosperidade e a maior ferramenta para avanzar conxuntamente con ela», salienta o documento asinado este sábado. Os asinantes demandan con el a «presenza plena» do galego na cultura, na educación, nos medios, na administración e na vida cotiá como «condición imprescindible» para o progreso social e económico.

Os asinantes declararon ademais o seu apoio e disposición para «aplicar os acordos comúns amplos e que unen ao conxunto do pobo galego». E con iso, comprometéronse a «facer efectivos» os mandatos de diversas leis relacionadas coa lingua. Citaron a Lei de normalización lingüística, a Lei de uso do galego como lingua oficial das entidades locais, a Lei Valentín Paz Andrade e tamén a Declaración Universal dos dereitos lingüísticos, a Carta Europea das linguas rexionais ou minorizadas e o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004.

«Estas ferramentas xurídicas e sociais son expresión dunha vontade colectiva para garantir o dereito efectivo de vivir en galego. Facémolo coa convicción de que defender o galego é defender a democracia, os dereitos humanos e o futuro dun país máis xusto e máis libre», sentencia o comunicado.

Manifestación do 17 de maio

Pola súa banda, o presidente da Mesa pola normalización lingüística e voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira, defendeu que a «emerxencia lingüística» activou o pobo galego para a reclamar o cumprimento e a asunción dos compromisos aos que «se chegou conxuntamente con ampla participación, sen exclusións e sen vetos», en referencia ás citadas leis e plans de normalización.

Maceira afirmou tamén que esa situación de «emerxencia lingüística» débese ao «incumprimento e boicot» dos acordos «por quen tiña que aseguralos na educación, a administración, xustiza, saúde e na cultura».

«A sociedade galega non se resignou. E ante a mobilización social que comezou en novembro, o PPdeG viuse na obriga de cambiar de aparencia, pero iso cambiará realmente se seguimos reaccionando con enerxía fronte a emerxencia lingüística», afirmou.

Por todo iso, Maceira fixo un chamamento á cidadanía para participar na mobilización do 17 de maio, Día das Letras Galegas, para levar a todas as institucións galegas, «nomeadamente á Xunta», á «irrenunciable defensa e reposición da lingua galega».