Chechu Salgado, gañador dun Goya: «Moitos profes meus tiveron que flipar»

GALICIA

ALEJANDRO CAMBA

Meses despois de recibir este premio, o actor ourensán cóntanos como viviu a gala na que lle deron este prestixioso galardón e o alubión de mensaxes que tivo despois: «Aínda estou respondendo wasaps»

19 jul 2022 . Actualizado a las 15:50 h.

Foi Javier Bustelo, «o Romeo da ría de Arousa» en Fariña, tamén Ramón Fiúnza en Serramoura, pero o recoñecemento veulle con Zarko en Las leyes de la frontera (Daniel Monzón) ao recibir fai uns meses o Goya ao Mellor Actor Revelación. Pero lonxe de citarnos nun lugar céntrico de Ourense, Chechu Salgado (Sober, 1991) queda con nós no que considera o seu barrio, A Cuña, aínda que non vive nel. E no bar onde para desde que tiña 16 anos, xusto diante da universidade laboral, onde estudou, e que agora o leva a súa mellor amiga Aura. Sentámonos alí, no Bar Breogán, e a conversa xa non para.

—Cando soubeches que querías ser actor?

—Foi totalmente casual porque eu sempre fixen deporte de pequeno. E cheguei á casa despois do verán da miña vida e dixen que non quería seguir adestrando. Miña nai, ante esa expectativa de tanto tempo libre, dixo que tiña que facer algo. Naquel entonces tiña parella e ela ía empezar en teatro. E miña nai díxome: «Proba».

—Entón, foi por unha moza?

—Eu penso que foi polo consello da miña nai e obviamente foi algo motivador que a parella que tiña empezara co teatro. Pero eu tamén tiña algo dentro. Xa vira unha obra do grupo Tarumba —onde empezou— e gustárame moito.

—Levácheslle o Goya a Tarumba?

—Xa non existe. Leveillo a Tito Asorey —actor e director—, que foi a persoa más importante e influínte na miña vida como actor. El foi o que máis me motivou para estudar teatro.

—Onde tes agora o cabezón?

—En Sober, na casa do meu tío e de casualidade. Leveino alí despois de facer o pregón da feira do viño e de xuntarme coa familia e cos amigos. E como logo tiña que viaxar a Barcelona, deixeino alí.

—Es de Sober ou de Ourense?

—Miña nai é de Sober e eu nacín alí, pero foi casual. Levo toda a vida vivindo en Ourense. En Sober pasei os meus mellores veráns.

—Como é recibir un premio tan importante?

—Estiven diante de xente que nunca pensei que fose estar. Para min foi un sono. Cando ía a Escola Superior de Arte Dramático en Vigo soñaba con isto, e conseguino.

—Es un soñador?

—Non diría tal. Gústame a ficción e pensar nas posibilidades das cousas. Optimista máis que soñador.

—Que foi o primeiro que fixeches despois de recibir o Goya?

—Celebralo con Daniel Monzón e a xente da peli e apagar o teléfono.

Canicoba

—Sentícheste abrumado?

—Non o fixen desde un punto de vista déspota, senón que estaba realmente abrumado e necesitaba parar e permitirme iso. Despois de levar tantos meses de prensa... Igual apaguei o móbil durante moito tempo [ri]. Hai que ser moi aburrido para despois do Goya estar operativo. Hai xente que ata estivo desgustada e aínda hai wasaps que non puiden responder porque é imposible.

—Cantos wasaps recibiches?

—Non sei, pero nunca lle din tanto para abaixo. E é xenial. Pero non vou mandar unha mensaxe fría. Aínda estou respondendo. Sabes o que me pasa agora? Vou á letra M e vexo Manuel, e digo: «Ostras!» E respondo. Mando un audio. Calquera persoa que perdera tempo en escribir é porque ten un sentimento bonito.

—E cando acendiches o móbil?

—Cando estaba no tren de volta de Valencia. Empecei a mirar as mensaxes e deume un baixón emocional que flipas. Estaba emocionado. Sentín un calor enorme de todo o mundo e foi inesperado para min. Sentín que foi algo importante para moita xente.

—Que te impresionou máis?

—O que me flipou foi que estivera todo o mundo mirándome e escoitándome: «Ostras! Almodóvar, Bardem, Penélope Cruz están aí escoitándome», dixen. Iso foi o que me impresionou.

—Quen che fixo máis ilusión que te felicitase?

—Luis Tosar e Celso Bugallo. Porque son dous actores que me gustan moito. E Tamar Novas, que tamén lle teño moito cariño. Tamén me gustou moito que cantara Luz Casal. Dalgunha forma sentín que había algo aí que conectaba.

—Cres que estaba para ti?

—A verdade é que cando estaba alí, xa quería gañar. Eu non son unha persoa moi ambiciosa, pero unha vez que estaba alí dixen: «Agora teño que volver a casa cunha vitoria». Non quería volver cunha palmadiña nas costas.

—En Ourense es o mozo do Goya?

—Ourense é unha cidade pequena, pero notei que para a xente nova foi algo aínda máis alucinante que gañase eu porque hai dez anos isto era totalmente impensable.

—Para eles ou para ti?

—Para todos. E é aínda máis fermoso e inesperado. Porque eu nunca fun moi académico. Moitos profesores meus tiveron que flipar.

—Por que?

—Porque cando eu estaba en terceiro ou en cuarto da E.S.O. non o esperaban.

—Ao final atopaches o que realmente te motivou...

—Si, totalmente. O brutal foi como cadrou todo. Non só o teatro, senón o grupo no que estás, ese primeiro mestre que tes.... para que de súpeto eu atopase un lugar de expresión e unha motivación moi grande.