Antonio López, reitor da Universidade de Santiago: «A empregabilidade dos universitarios é mellor e máis alta»
GALICIA
Este vindeiro mércores o catedrático de Dereito repetirá como reitor nas eleccións da USC xa que é o único aspirante
20 feb 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O vindeiro mércores, a USC vive unhas eleccións atípicas na súa historia recente: o actual reitor, Antonio López (Barreiros, 1964), é o único candidato que se presenta. Coa vitoria feita, este catedrático de Dereito Financeiro e Tributario fai igual os deberes, o seu obxectivo é que a mensaxe chegue a todos.
—Como se encara unha campaña sen rival?
—Encarámola como se houbese competencia. Nas campañas universitarias búscase chegar a todos os colectivos e ter contacto persoal, e niso non variamos nada.
—Unha participación baixa sería un fracaso?
—É complicado poñer un listón porque hai colectivos como os estudantes nos que non podemos comparar. Hai oito anos apenas votaron 1.500 e hai catro uns tres mil. Pero si é importante que haxa certa mobilización para que se vexa que a universidade está activa e para sentir un certo apoio para o proxecto que se presenta.
—A universidade ten un problema de gobernanza, o reitor debería ter máis capacidade executiva?
—A universidade ten un sistema de gobernanza moi asentado sobre órganos colexiados, os órganos unipersoais teñen marxe e toman decisións, pero moitas veces teñen que avalalas despois eses órganos. Habitualmente non hai ningún problema pero quizais nalgunhas materias habería que reforzar unha certa capacidade de decisión máis nos órganos unipersoais.
—O seu programa busca unha maior internacionalización buscando alumnos de fóra, onde está pensando en captalos?
—Xa sabemos os alumnos que van chegar de aquí nos vindeiros dezaoito anos porque xa naceron e aí temos unha liña plana. Está claro que se so confiamos na nosa demografía é difícil esperar algún aumento notable de alumnos, pero penso que temos capacidade para atraer, diría especialmente en estudos de máster e doutoramento, e para nós un ámbito prioritario ten que ser o latinoamericano e o da lusofonía. Coincide que son ámbitos nos que hai moita demanda de estudantes que queren ir á universidade, e que hai dificultades das universidades deses países para dar unha resposta. Temos unha conexión perfecta, nós temos universidades e eles necesitan universidades.
—Hai poucos días coñecéronse os altos datos de inserción laboral da formación profesional, os reitores tamén defenden a empregabilidade dos seus titulados, non si?
—A formación profesional seguramente garante unha empregabilidade máis inmediata pero a verdade é que os estudos que temos de inserción de titulados universitarios dinnos que a formación universitaria aínda mellora a empregabilidade e sobre todo un emprego de calidade e mellores oportunidades de carreira profesional. Pode ser menos inmediata, pero a empregabilidade dos egresados universitarios é mellor e máis alta.
—A USC acaba de firmar un acordo co Sergas para captar docentes de Medicina entre os médicos xa que falta profesorado vinculado, está en risco a docencia nesta facultade tal e como se coñece?
—En absoluto, temos que defender ese modelo de implicar a médicos asistenciais no proceso formativo a través de formulas de profesorado permanente. Temos dificultade? Si. Ese especialista que queremos que sexa profesor ten que estar acreditado, e ese proceso está pensado para unha persoa que está facendo carreira universitaria en sentido estrito, e non na que fai unha función asistencial, docencia e investigación, non podemos aplicarlle a mesma vara de medir.
—A axencia estatal que acredita ao profesorado está disposta a cambiar os seus criterios?
—Si, hai un compromiso de revisalos, senón os obstáculos para a acreditación son enormes, non podemos comparar a quen so fai investigación e docencia con quen fai ademais unha xornada como médico. Sergas e universidade estamos de acordo en que para a nós é esencial este tipo de profesorado e para o Sergas tamén é unha ferramenta para captar profesionais de prestixio para o hospital, ofrecer ademais dun posto de xefe de servizo a posibilidade de ter unha conexion clara coa universidade e poder conseguir unha praza vinculada.
—Di que é preciso ir a outros modos de financiar a investigación e non facelo con subvencións, que problemas causa este sistema?
—É un sistema que funciona cos proxectos de investigación, proxectos para un período curto de tempo. Pero non ten unha continuidade e cando tes unha estrutura de investigación potente, e na nosa universidade movemos ao redor de 50 millóns ao ano en investigación, precisamos fórmulas de financiamento, por exemplo contratos programa, cunha cantidade basal e estrutural na que nós rendemos contas. As subvencións teñen outro problema, a xustificación é moi farragosa administrativamente.
—Hai que financiar a investigación, non proxectos.
—Que haxa proxectos tamén me parece ben, pero todo non pode ir por aí, temos que ter un funcionamento estrutural básico, de mínimos. Agora xa é unha necesidade coa reforma laboral, porque temos que establecer unhas relacións laborais estables cos nosos investigadores.
—Hai uns días dicía nunha entrevista o catedrático Juan Lema que un profesor universitario ou investiga ou non é profesor, ¿hai docentes que non investigan?
—Somos persoal docente e investigador por definición, PDI, pero todos sabemos que hai distintos niveis de dedicación, persoas que fan unha investigación enorme, outras que fan o que lles toca, e outras que non se están dedicado estritamente á investigación.
—E hai forma de arranxar iso?
—Unha das cousas que queremos implantar, que é complicado, é recoller dalgunha forma todas as actividades ás que se dedica o profesor. As horas de clases sábense, e tamén hai unha actividade investigadora que consta. Outras non sempre constan, e ao mellor un docente non investiga moito pero fai transferencia, asesoramento, informes, que tamén teñen moito valor. E ao mellor hai outra persoa que se dedica moito á formación permanente, todas son actividades de valor. Pero debemos recollelo, sobre todo para que quen non acredite unha actividade ao mellor teña que facer máis docencia. Agora mesmo o réxime docente que temos é estable, pero habería que valorar esa posibilidade.
—Os tres reitores aplauden o novo plan de financiamento.
—Pegas sempre ten pero é un bo plan. Ten unha mellora cuantitativa importante e aínda que os recursos sempre son escasos e as necesidades infinitas, no contexto no que estamos é un bo plan.
—Hai anos eran públicos os conflitos entre os reitores galegos, ¿agora hai total sintonía ou disimulan?
—Hai moi boa sintonía. Estamos nun ámbito de colaboración e competencia. Temos bo entendemento e colaboración, colaboramos en graos e mestrados interuniversitarios, acordamos un novo plan de financiamento, facemos unha morea de actividades conxuntas e despois cada un ten os seus intereses loxicamente. Aqueles anos eran diferentes, as universidades tiñan que buscar o seu sitio.
—Verá no seu próximo mandato rematada a Cidade da Saúde?
—O proxecto da Cidade da Saúde é moi ambicioso: a Facultade de Farmacia, Enfermería e outros edificios de investigación. Non sei se pechado todo o proxecto, pero si desenvolto nunha parte moi importante, e temos que empezar por esa Facultade de Farmacia que é unha necesidade absolutamente perentoria.
—Retomarase o proxecto dunha nova facultade de Medicina?
—A USC deseñou o seu plan de infraestruturas para medio e longo prazo apostando por unha rehabilitación integral do edificio de San Francisco, nesa decisión pesou tamén a conveniencia de ter estudantes na cidade histórica e seguir tendo un edificio emblemático. Queremos que a rehabilitación que xurda de San Francisco sexa a nova facultade de Medicina.
—Luciano Méndez, o profesor apartado da docencia por criticar os escotes das súas alumnas, demandando á USC, que lle parece?
—Está no seu dereito de discutir nos tribunais, pero a universidade defende a súa actuación, penso que foi a reacción que merecen unhas condutas que non poden ser admisibles baixo ningún concepto na universidade. Non teño dúbida de que a USC fixo o que tiña que facer.