—Ve aos concellos con recursos para garantir unha boa depuración?
—É unha cuestión de gobernanza, eu son ecólogo. Augas de Galicia xa rescatou algunhas depuradoras (29). Pero é algo que merece darlle unha ampla solución, tamén polo prestixio do marisco galego. A imaxe é moi importante, e dar a de que non somos capaces de resolver a presenza de coliformes fecais no marisco galego... en fin, desmerece ao ecosistema das rías que vai aguantando todo o que lle botamos. Estamos sempre á espera de que a natureza faga o que non facemos nós.
—A maiores dos vertidos, que outros problemas atopa cando analiza o estado das rías?
—Non é da miña competencia, pero outro problema son as toxinas, os afloramentos de dinoflaxelados tóxicos, as mareas vermellas, que xeran prexuízos económicos importantes e impiden explotar os polígonos todo o ano.