Lidia Senra, exeurodiputada e sindicalista agraria: «Os campesiños estamos orfos»

Foi a voz dos campesiños galegos primeiro no eido sindical e logo na política. Agora, volveu ao campo, a súa plantación ecolóxica en Vedra, unha actividade que, di, dálle «para sobrevivir»

Na súa plantación de Vedra, a onde voltou Lidia Senra tras deixar a política
Na súa plantación de Vedra, a onde voltou Lidia Senra tras deixar a política

Non foi quen no 2019 de revalidar o escano que tiña no Parlamento Europeo, e volveu ao campo, á agricultura ecolóxica que sempre defendeu. «A finca parouse nos cinco anos que fun eurodeputada porque, se asumes unha responsabilidade, tes que dedicarlle todo o tempo, e agora retornei». A plantación que ten Lidia Senra (Pobra do Brollón, 1958) está en Vedra, na parroquia de San Cristovo de Merín. «Cultivamos verduras de temporada. Agora temos porros, repolo, coliflor... horta de inverno». Vende a particulares, ten un posto no Mercado de Alimento Galego de Os Tilos, e forma parte do proxecto Non é o mesmo que defende o produto ecolóxico e de proximidade.

Máis que para vivir, Senra di que dá para sobrevivir, porque son moitos os problemas que ameazan o campo. «Os mercados locais tiveron que pechar polo coronavirus e aínda non se recuperaron, déronlles un pau moi forte. E eu nunca entendín por que se pecharon os mercados locais, que son ao aire libre, e non os supermercados». Pero hai máis atrancos, máis alá do coronavirus, como a competencia das grandes cadeas de alimentación ou o cambio climático.

Malia ter deixado a primeira liña, Lidia Senra segue a defenderse moi ben. «Non estar nun cargo de representación non significa abandonar o mundo sindical, eu sigo afiliada ao Sindicato Labrego Galego e participo nas actividades sempre que podo».

Lidia Senra, con Xosé Manuel Beiras, no ano 2000
Lidia Senra, con Xosé Manuel Beiras, no ano 2000

Senra foi secretaria xeral dese sindicato entre 1989 e 2007, inicialmente vencellada ao BNG. Cando na asemblea de Amio rachou o Bloque, Senra foise con Xosé Manuel Beiras e, coa marca de Alternativa Galega de Esquerdas, presentouse as eleccións europeas. Foi elixida deputada perante cinco anos. Cando no 2019 se celebraron de novo eleccións europeas, optou por unha candidatura da man de En Marea que non obtivo representación. Desde entón non milita de forma activa en ningunha organización. «Eu agora non vexo ningún proxecto político que realmente defenda os intereses dos agricultores ou dos mariñeiros, da clase traballadora, en xeral. Os agricultores agora estamos orfos» na política, di.

Foi polémica no 2017 a súa pregunta no Parlamento Europeo cuestionando as vacinas. É consciente diso, pero Lidia Senra non se retracta. De feito, admite que non vai vacinarse contra o coronavirus, e é moi crítica coa xestión que se está a facer da pandemia. «Non me parece serio. Ata agora levaba anos conseguir calquera medicamento e agora nun ano teñen a vacina». Cre que se aos gobernos lles interesara a saúde dos cidadáns reforzarían o sistema público, e considera «inmoral» que a reparación da pandemia se deixe en mans de laboratorios privados. Por todo iso e por máis, «non, non vou vacinarme», conclúe.

Fun

Secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e deputada no Parlamento Europeo

Son

Agricultora, vendo produtos de horta ecolóxicos cultivados en Merín (Vedra)

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
9 votos
Comentarios

Lidia Senra, exeurodiputada e sindicalista agraria: «Os campesiños estamos orfos»