Xosé Luis Rivas, Mini: «Hai que normalizar o normal»

Jorge Casanova
jorge casanova REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

ED

O diputado de máis idade do Parlamento Galego di que cando pasa moito tempo lonxe do escenario ou da tribuna, bota de menos a descarga de adrenalina

01 sep 2020 . Actualizado a las 10:07 h.

E difícil manter moito tempo a vista nos seus ollos azuis, moi azuis. E iso que transmiten moito. Xosé Luis Rivas, Mini, (Begonte, 1951), aplica unha miga do seu innegable magnetismo de mestre e músico na entrevista.

-E vostede o parlamentario de máis idade. Como o leva?

-Gustoume ter dezaoito aos dezaoito e agora que teño 69, gústame ter 69. O malo é cando quen ten 69 quere ter trinta, por exemplo.

-E iso de «Mini», seguro que todo o mundo sabe a que ven, pero eu non.

-É un alcume que me puxeron cando era mozo. Daquela montamos un grupo de rock, aínda que non sabiamos tocar a guitarra. Tomabamos un porrón de sidras nun bar que se chamaba Truman. Ao grupo lle puxemos The Trumans e cada un puxo un alcume. A mi tocoume Minibarbi e de aí, Mini.

-Minibarbi?

-Era o máis novo e non tiña barba case.

-Quedoulle un trauma, entón, e dixo que tería barba toda a vida, ha, ha.

-Ha, ha. Non, o da barba foi unha cuestión de rebeldía. Daquela tiña ese significado.

-Agora é indisoluble da súa imaxe. Nunca a quitou?

-Dende os dezaoito anos levo barba. So a quitei cando fun a mili e cando saíu Fraga do goberno .

-...

-Si, era unha cousa que tiña comigo mesmo. Cando a cortei, miña muller non me coñecía. E os fillos tampouco.

-Cantos ten?

-Tres fillos e dúas netas.

-Iso de ser avó...

-É unha delicia, algo especial, que non se entende ata que os tes. Dis que é unha necidade cando outros cho din, e o día que ves esa cousiña pequena que é filla do teu fillo, o da túa filla... Cóllello e empezas a ser avó que é outra cosa distinta de ser pai.

-Como se presenta a lexislatura?

-Dura.

-Dura, a anterior; nesta teñen moito máis respaldo.

-Pero é unha responsabilidade maior. Nós queremos ser alternativa de goberno, e o merecemos. E o país ten dereito. Queremos mostrar un proxecto aberto e compartible. Hai que fiar fino.

-Pero a xente sempre lle da a maioría ao mesmo.

-Ese é o grande reto. Nós temos que afianzar o noso electorado, pero convencer tamén ao do Partido Popular, que forma parte dese país que nós soñamos. Hai que facer que constrúan con nós.

-Cando era mozo, imaxinaba que Galicia estaría así no 2020?

-Eu son un cativo criado no franquismo. Fíxeme de esquerda e nacionalista porque, cando cheguei a escola como mestre, vía miseria, a persecución lingüística, os alumnos que eran silenciosos porque non sabían falar en castelán. De aí ao nacionalismo e a esquerda hai moi pouco camiño. Eu ideoloxiceime máis pola canción, pola literatura. O país que eu soñei é o país que facía xustiza coa xente do rural.

-Se o presidente fora vostede, cal sería o seu primeiro decreto?

-Sería sobre a principal ferramenta que ten este país: a lingua galega. Hai que normalizar o normal. Este é un país afable, acolledor, pero tamén ten necesidade de afirmar o que ten. A nós, dicíasenos: «Habla bien»

-Segue a traer a guitarra ao traballo?

-Si. Cando teño bronca, cando me cabreo, veño para este curruncho e toco.

-So?

-Si, so. Agora a canción para min é unha cuestión íntima.

-É máis emocionante saír ao escenario ou a tribuna do hemiciclo?

-É distinto. No escenario mostras soños, anacos de poesía, arte. Aquí o que mostras é país descarnado.

-Xa non se pon nervioso.

-Eu son tímido de natureza e sempre hai algunha descarguiña de adrenalina, que tamén te fai dependente. Cando pasas moito tempo sen ela, fáltache algo.

-Cando era pequeno, que quería ser de maior?

-Militar. Ata os 16 ou 17 anos quixen ser militar. E logo fun a mili e dixen que non, ha, ha.

-Celta ou Dépor?

-Non me gusta o fútbol. Pero prefiro os equipos que súan a camiseta. O Boimorto, por exemplo.

-Elixa catro palabras para vostede.

-Non sei... Contraditorio, soñador... Nada metódico e heterodoxo.

-Como definiría Galicia en poucas ideas?

-É un país amable para vivir, que produce de todo, un país vello que por iso non di nin si nin non pero que sabe perfectamente se sube o se baixa da escaleira. Aquí entendíamos perfectamente o que quería dicir Rajoy.

-Que é o máis bonito que vivíu sobre o escenario.

-Eu teño visto chorar xente, moita. Sobre todo na emigración. Recordo en Suíza, Alemania ver a xente chorar e ter que mirar para outro lado porque senón cortábaseme a voz.

-E na política?

-Unha vez tiven que meterme nunha maleza para que non me viran chorar cando fixemos o primeiro acto de desagravio aos paseados de Boimorto. Veu unha señora a dar as grazas porque dicía que xa podían ir coa cabeza ben alta.

-Bota de menos aqueles tempos efervescentes do final do franquismo, a Transición...

-Non. Era moito fume. Dende o escenario vías 3.000, 4.000 persoas... Samil, por exemplo, rendido aos pes de Fuxan os Ventos. Baixabas e viñan falar contigo... e era fume. E a realidade o mostrou.

-Que lle gusta facer cando ten tempo?

-Música, poesía e a horta. Teño media hectárea ao redor da casa e sete ovellas que me dan uns años estupendos.

-Ten un lugar favorito?

-A serra do Bocelo. Está chea de historia.

-Unha canción.

-Alegría da criaçao, de José Afonso.

-Que é o máis importante na vida?

-Vivir con honestidade.